O concelleiro do Bng do Concello da Laracha, asegura que Ana Pontón é a candidata á presidencia da Xunta de Galicia que «xera ilusión e confianza»
Xoan Manoel Sande, concelleiro da Laracha, apoia á candidata á presidencia de Galicia polo Bng nesta entrevista concedida a poucos días de emitir o voto.
¿Por que hai que votar á candidata do Bng á presidencia da comunidade autónoma?
Porque é o momento de abrir un tempo novo para Galiza. De contarmos cun goberno que acredite nas capacidades do noso país e que exerza o autogoberno de verdade. Logo desta crise provocada pola pandemia da COVID-19 faise máis necesario que nunca un goberno galego que sente as bases para o desenvolvemento dos sectores produtivos, que aposte polos sectores primarios e o desenvolvemento do rural, que defenda de verdade as nosas industrias, que faga valer a nosa condición de país produtor e exportador de enerxía eléctrica cunha tarifa eléctrica propia. Que aposte sen complexos por unha banca pública galega ao servizo do dosenvolvemento económico de Galiza, e todo isto que o pode facer é un goberno do Bng cunha presidenta como Ana Pontón á cabeza. É o momento de que por primeira vez unha muller sexa quen presida a Xunta de Galiza, unha muller como Ana Pontón. Que xera ilusión e confianza, que cree neste país e que está a crear unha onda de simpatía ao seu redor; hai moita xente en Galiza que cree necesario un cambio. Ana Pontón é a muller que mellor pode efectivizar ese cambio que o noso país necesita.
¿Que balance fai do actual goberno de Galicia?
O balance que fago é necesariamente moi negativo. Despois de 11 anos de goberno continuado do Partido Popular, con maiorías absolutas, co Sr. Feijoo ao fronte non hai un só logro que poida presentar no seu haber. E pola contra o que hai é un enorme deterioro dos servizos públicos, unha debilidade maior da economía, incremento exponencial do endebedamento (multiplicou por tres a débeda pública galega), un declive demográfico que non ten fin e unha sangrante emigración da mocidade. Durane a pandemia da COVID-19 víronse as carencias dun sistema sanitario público que durante estes 11 anos sufriu recortes continuos, sobre toda na Atención Primaria. O mesmo podemos dicir no que respecta á atención ás persoas maiores, cun sistema de benestar baseado fundamentalmente na xestión privada. O goberno bipartito licitara a construcción de catro residencias públicas, unha por provincia (na provincia da Coruña en Vimianzo) e o único que fixo o goberno de Feijoo foi privatizar a súa xestión. O mesmo pasou cos centros de día, como é o caso o que temos na Laracha, orzamentado e licitado polo goberno bipartito e o único que fixo o goberno de Feijoo foi privatizar a súa xestión. Nin unha soa residencia pública en 11 anos. A proba deste balance tan negativo é que o propio Feijoo está a facer unha campaña como se fose un candidato novo que non leva 11 anos no goberno, baseada en promesas en vez de presentar un balance da súa xestión, porque o balance é bastante negativo.
¿En qué se beneficiou o Concello da Laracha durante esta xestión e en que non?
Realmente o Concello da Laracha non podemos dicir que se beneficiase moito destes 11 anos de goberno Feijoo. Únicamente con algún investimento que chegou con 10 anos de retraso como foi o caso do novo edificio do PAC da Laracha (prometido polo PP desde hai máis de 10 anos), e algunha outra obra. Pesa máis na balanza o negativo, os recortes en servizos públicos como na sanidade e a educación, a privatización da xestión do centro de día, a falta de substitución dos profesionais sanitarios nas súas ausencias por baixas ou vacacións que provocaron listas de espera. Seguimos agardando pola apertura do centro de saúde en horario de tarde con servizo de cita previa e consultas médicas e de efermaría ordinarias. O Instituto Agra de Leborís continúa sen contar con ningún ciclo de FP e sen ofertar todas as modalidades de bacharelato, en canto ás infraestruturas básicas continuamos con carencias importantes e cunha mala autovía de peaxe A Coruña-Carballo, na estrada comarcal 552 faise moi necesario a instalación de pasos de peóns regulados por semáforo cando menos nos núcleos das Rañeiras en Paiosaco e o Cancelo en Cabovilaño e a Xunta segue sen levalos a cabo nin autorizalos.
¿Que valoración fai dos outros partidos políticos que se presentan?
Á valoración do Partido Popular ten que ser necesariamente moi negativa, logo de 11 anos de ocupar a Presidencia o seu candidato, o Sr. Feijoo (que aínda que agora en campaña agocha as siglas é o candidato do Partido Popular). Estes 11 anos de goberno foron nefastos para Galiza e polo tanto esa é a valoración que fago do partido que sostivo os gobernos do Sr. Feijoo.
Fronte a ese Partido Popular inoperante diante dos problemas e as necesidades de Galiza preséntase un BNG con capacidade para gobernar este país. Un Bng que pode presentar unha xestión exitosa nos concellos onde está gobernando (como é o caso de Carballo, concello do que ninguén pode dubidar a súa transformación en positivo desde que goberna o Bng). Tamén nas deputacións como é o caso da deputación da Coruña. O mesmo podemos dicir do traballo de Néstor Rego no Congreso dos Deputados, que en poucos meses puxo a Galiza no centro da política estatal (como fixo sempre o BNG cando tivo representación). Ademáis do actual grupo parlamentar que liderou a oposición en Galiza sendo a verdadeira alternativa ao PP de Feijoo.
Con respecto á valoración dos demáis partidos prefiro non manifestarme, pois considero que o importante é valorar a xestión de quen estivo no goberno durante os últimos 11 anos e quen é, na miña opinión, a principal alternativa para encabezar un novo goberno que é o Bng.
¿Como podería compórse o Parlamento de Galicia despois do 12 de xullo?
Penso que serán catro as forzas políticas que obteñan representación (BNG, PP, PSOE e Galicia en Común) e que non vai haber maiorías absolutas. Creo que vai ser posíbel conformar un novo goberno encabezado polo Bng e Galiza vai contar por primeira vez cunha Presidenta. Con esa ilusión afrontamos desde o BNG esta campaña. Percibimos que cada vez son máis as persoas que acreditan na necesidade de desaloxar a este inoperante goberno do Sr. Feijoo. Ana Pontón é a persoa que mellor pode encabezar un goberno que abra un ilusionante tempo novo para o noso país.