Entre os obxectivos salientan o coñecemento do cooperativismo e o funcionamento das cooperativas e as súas vantaxes en comparación con outros modelos de negocio.
O compromiso municipal co desenvolvemento de políticas activas de emprego evidénciase nas iniciativas nesa materia que están actualmente en funcionamento, tales como a oferta formativa que se ofrece a través do Centro de Capacitación Dixital e da Aula Mentor e, sobre todo, o obradoiro dual de emprego A Laracha VIII e o Programa Integrado de Emprego organizados co apoio da Xunta de Galicia.
O alumnado deses dous últimos programas participou nunha xornada formativa e de sensibilización sobre o emprendemento cooperativo que tivo lugar nas instalacións no centro formativo municipal situado no parque empresarial.
Entre os obxectivos salientan o coñecemento do cooperativismo e o funcionamento das cooperativas e as súas vantaxes en comparación con outros modelos de negocio. Tamén se visibilizou como o emprendemento en cooperativa pode contribuír á mellora da empregabilidade e ao crecemento profesional, e tratouse de eliminar mitos e prexuízos sobre o cooperativismo e os procesos de traballo participativo.
A xornada, na que a cooperativa bergantiñá Lenda Educativa compartiu a súa experiencia, desenvolveuse da man da Unión de Cooperativas EspazoCoop no marco da Rede Eusumo e do Programa de Emprego, Formación, Educación e Economía Social (EFESCO) do Fondo Social Europeo Plus (FSE+).O Concello considera que a formación recibida foi de interese para que as persoas asistentes puidesen aumentar os seus coñecementos na materia e incrementasen o seu interese polo cooperativismo como unha oportunidade para emprender o seu propio modelo de negocio.