O sábado 29 de xullo celebrarase a XLIV edición do Día do Ensaltamento do Traxe Galego, e tamén como tódolos anos, o 44º concurso de traxes tradicionais.
O Día do Ensaltamento do Traxe Galego e o concurso de traxes tradicionais será o sábado 29 de xullo na sede do Museo do Pobo Galego, en San Domingos de Bonaval, o concurso, para que o xurado poida examinar os traxes, terá os seguintes horarios:
16.00 h categoría de homes, agás os nenos
16.30 h categoría de mulleres, agás as nenas
17.30 h grupos de dez ou máis persoas
18.00 h Nenas e nenos
O Museo do Pobo Galego cederá unha sala para que as persoas concursantes a utilicen como vestiario se así o precisan.
A secretaría do concurso irá chamando as persoas inscritas por rigorosa orde alfabética no horario indicado para cada grupo. O chamamento será único, polo que non se admitirá a participación de persoas que fosen chamadas e non se presentasen nese momento no salón de actos do Museo do Pobo Galego.
Segundo se vaian presentando, iráselles dando unha tarxeta cun número, que deberán conservar durante todo o tempo ata que remate o certame coa entrega de premios na praza da Quintana.
As persoas participantes poderán, se así o desexan, estar acompañadas por outra que poida explicar datos do traxe presentado, pero só por requirimento do xurado.
Silencio na examinación do traxe
As persoas concursantes que precisen ou desexen estar no salón de actos deberán gardar silencio para facilitar os chamamentos e para que o xurado poida examinar os traxes. Poderán ser expulsadas da sala e eliminadas do concurso se non cumpren con esta norma.
Do mesmo xeito, non se permitirán ruídos, conversas ou calquera alteración da orde no exterior do salón de actos se afecta ao desenvolvemento ordenado e tranquilo do proceso de exame dos traxes por parte do xurado.
O xurado avaliará os traxes e poderá preguntar calquera cuestión referente a eles e á súa documentación.
Rematada a avaliación dos traxes presentados a concurso, o xurado deliberará en sesión pechada e redactará unha acta para recoller as decisión adoptadas, que será asinada por todas as persoas que o forman. A acta será lida pola persoa que desempeñe a secretaría do certame, na praza da Quintana, onde ao tempo que se coñecen os premios se irán entregando ás persoas que os acadaron.
Sesión fotográfica
Unha vez examinados os traxes polo xurado, as persoas participantes serán acompañadas á sesión fotográfica por un membro da Asociación do Traxe Galego, logo de que asinen o seu consentimento de ceder os dereitos de imaxe dos traxes e pezas que portan. Non asinar esta autorización suporá renunciar á participación no concurso.
Desfile dende o Museo do Pobo Galego
Todas as persoas concursantes deberán participar no desfile que terá o seu punto de saída na rúa de Bonaval, ás 19.00 h, respectando a orde seguinte:
1. Encabezan o desfile un grupo de gaitas
2. Seguirán ao grupo de gaitas as nenas e os nenos que participen no concurso, de dous en dous
3. Tras as persoas do punto anterior seguirán as persoas participantes adultas, tamén de dúas en dúas.
4. Tras as persoas concursantes poderán desfilar todas as persoas que o desexen, sempre que vaian vestidas con traxes tradicionais e fagan o percorrido de dúas en dúas.
5. Pecha o desfile outro grupo de gaitas.
Participación na pasarela e recollida de premios na praza da Quintana
O desfile entrará na praza da Quintana pola rúa da Conga e dará unha volta á praza, pasando polo muro do convento, as escaleiras da Quintana e a Porta Santa para chegar aos asentos reservados para as persoas participantes, que deberán atender as indicacións do persoal encargado do protocolo para subir á pasarela para lucir os traxes e posteriormente recoller os premios se é o caso.
Entregados todos os premios, o acto pecharase coa interpretación do himno galego.
Cómpre sinalar que o incumprimento de calquera norma suporá a descualificación inmediata da persoa participante que a infrinxa.
As bases do concurso poden verse aquí.