O Concello organiza unha nova excursión para o colectivo das persoas maiores de 55 anos, xubiladas ou pensionistas.
O Concello organiza unha nova excursión para o colectivo das persoas maiores de 55 anos, xubiladas ou pensionistas que estean empadroadas no termo municipal da Laracha. Nesta ocasión o punto de destino será a cidade de Toledo, en Castela-A Mancha.
A viaxe realizarase do 5 ao 9 de maio. Contempla tamén visitas ás localidades de Torrijos e Talavera de la Reina, así como a Puy du Fou, parque temático que representa varios dos momentos máis importantes da historia de España. A expedición desfrutará do espectáculo nocturno El sueño de Toledo e tamén de eventos diúrnos e do entorno natural único dese parque.
As persoas que cumpran os requisitos e desexen realizar a excursión deben preinscribirse entre o 1 e o 3 de abril no departamento de Servizos Sociais, situado no Edificio Administrativo da Laracha. Terán prioridade para obter as prazas aquelas persoas que non participaran nas dúas últimas viaxes destas características organizadas polo Concello. De ser necesario, o sorteo público das 50 prazas dispoñibles realizaríase o venres 4 de abril a partir das 11:00 horas no Salón de Plenos do Concello.
O prezo por persoa en habitación dobre (hotel de tres estrelas), réxime de pensión completa e incluíndo todas as visitas guiadas, entradas e seguro de viaxe é de 470 euros. Haberá suplemento para os que escollan habitacións individuais, o cal é de 84 euros. O Concello financiará integramente o custe do transporte en autobús.
Esta actividade enmárcase dentro da programación municipal para fomentar o envellecemento activo e ten como obxectivos principais o aproveitamento do tempo de lecer, a realización de actividades culturais, a promoción dos estilos de vida activos e saudables e favorecer a socialización dos participantes.
