Na sesión ordinaria da Xunta de Goberno Local acordouse que o Concello concorrerá á convocatoria de axudas para actuacións en materia de biorresiduos.
Na sesión ordinaria da Xunta de Goberno Local acordouse que o Concello concorrerá á convocatoria de axudas da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda destinadas ás entidades locais galegas para o financiamento de actuacións en materia de biorresiduos de competencia municipal (DOG Núm. 112 do 14 de xuño de 2023).
O Concello preséntase ás dúas liñas. Na referida a proxectos de implantación, ampliación ou mellora da recollida separada de biorresudios destinados a instalacións específicas de tratamento biolóxico, proponse a adquisición dun camión colector non compactador, de biogás ou eléctrico, para a recollida de residuos sólidos urbanos.
Tamén se proxecta a realización de campañas informativas a pé de rúa dirixidas á poboación en xeral e co obxectivo de reducir a xeración de residuos e empregar correctamente os cinco colectores de recollida selectiva.
A través da liña referida a actuacións de separación e reciclaxe en orixe de biorresiduos mediante a súa compostaxe doméstica ou comunitaria, o Concello pretende financiar a adquisición de composteiros domésticos e kits de compostaxe para implantalos nas vivendas particulares dos veciños que así o soliciten.
Así, o orzamento total das accións proxectadas polo Concello ascende a 215.000 euros.