O Concello da Laracha levou a cabo unhas xornadas informativas nos centros de ensino sobre a participación de infancia e adolescencia.
O Concello da Laracha levou a cabo o xoves 13 e venres 14 de marzo unhas xornadas informativas nos centros de ensino sobre a participación infantil e xuvenil. Participaron os alumnos de 4º, 5º e 6º dos tres centros de ensino. O xoves foi a quenda do CEIP Otero Pedraio e o venres os técnicos estiveron co alumnado do CEIP Alfredo Brañas e CEIP Caión.
O obxectivo é trasladar ás nenas, nenos e adolescentes a oportunidade de formar parte do Espazo de Participación da Infancia e Adolescencia (EPIA) co que xa conta o concello desde fai dous anos. Nas xuntanzas do EPIA abórdanse as temáticas que elas e eles mesmos deciden, para despois elaborar propostas de mellora que lle trasladan ao goberno local.
Tamén se lles adiantou información da celebración dun pleno infantil para o mes de maio, no que os nenos, nenas e adolescentes, poderán facer aportacións sobre o futuro Edificio Interxeracional.
Este grupo está aberto para que calquera persoa entre 10 e 17 anos poida sumar a súa voz. Reúnense na Casa da Cultura da Laracha, fora de horario escolar, un par de veces ao mes.
As interesadas ou os interesados en formar parte do Espazo de Participación da Infancia e da Adolescencia da Laracha poden contactar chamando ao 981612811.

