O Concello avanza no proceso de contratación do proxecto de renovación dos parques infantís da Laracha.
O Concello continúa avanzando no procedemento para a adxudicación da execución do proxecto de mellora de cinco parques infantís de titularidade municipal. Nos próximos días convocarase unha reunión da Mesa de Contratación para clasificar as ofertas presentadas polas empresas que concorreron ao concurso.
A intervención é promovida coa finalidade de renovar e modernizar os equipamentos e facelos máis atractivos, cómodos e seguros para os seus usuarios.
O Concello iniciou o procedemento coa elaboración dunha auditoría para coñecer o estado actual dos dezanove parques infantís existentes no termo municipal, determinar as necesidades que presenta cada un deles e en cales é prioritario actuar. En base a dita auditoría, redactouse o proxecto, valorado en máis de 50.000 euros, que inclúe intervencións en cinco localizacións diferentes: tres delas no núcleo urbano da Laracha (parques infantís da Praza do Concello, da praza O Recreo e do parque Maximino Canedo), unha en Caión (A Insua, xunto ao colexio) e outra no Cruceiro de Lendo, a carón do centro sociocultural desa parroquia.
En todos os casos contémplase a reparación e renovación dos xogos e a substitución do actual pavimento de lousas de caucho por outro continuo de absorción de choques para mitigar o impacto ante posibles caídas dos nenos.
O proxecto será cofinanciado pola Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes da Xunta de Galicia con cargo ao Fondo de Compensación Ambiental.