Cinco empresas optan á resultar adxudicatarias do proxecto de renovación do céspede artificial do campo municipal da Laracha.
Unha vez finalizado o prazo de presentación de ofertas na licitación do proxecto de renovación do céspede sintético do campo de fútbol Municipal da Laracha, son cinco as empresas que optan á adxudicación das obras. No próximos días a Mesa de Contratación reunirase para clasificar ditas propostas.
O proxecto elaborado polo Concello está valorado en 215.000 euros e prevé a renovación do pavimento de herba artificial nunhas dimensións de 107,60 x 64,40 metros (en total, 6.950,96 metros cadrados de superficie do terreo de xogo e os seus espazos circundantes), mantendo o tamaño actual tanto do campo de fútbol 11 como dos dous campos de fútbol 7.
O novo céspede será de última xeración, mixto e de 40 milímetros. Cumprirá coas especificacións e normativas correspondentes para asegurar a máxima calidade conforme aos niveis que esixe a certificación FIFA Quality Pro. Colocarase sobre unha nova base plástica que favorecerá un máis óptimo comportamento deportivo para a práctica do fútbol.
Ademais, a solución escollida é medioambientalmente sostible ao empregar maquinaria específica na retirada do céspede que posibilite o aproveitamento de ata o trinta por cento do material
A última renovación da herba artificial do campo de fútbol Municipal da Laracha foi hai máis dunha década, sendo empregada a instalación de xeito intensivo durante todos estes anos. A instalación acolle a actividade -adestramentos e partidos- dos equipos de todas as categorías do Laracha C.F. e do Club do Mar de Caión, ademais doutros eventos puntuais organizados polo Concello como o campionato municipal de peñas ou o campus de fútbol que se levan a cabo durante o verán.