A nova Casa do Concello implicará unha reestruturación dos espazos para ofrecer unha mellor e máis eficiente atención á cidadanía.
O Concello da Laracha vén de iniciar o procedemento de licitación para a execución do proxecto de rehabilitación integral da Casa Consistorial. A iniciativa ten por obxectivos principais modernizar a sede administrativa municipal adaptándoa ás necesidades actuais no relativo aos espazos, accesibilidade, sustentabilidade e eficiencia enerxética.
A reforma conservará a estrutura e a envolvente do actual edificio co propósito de xerar o menor número de residuos posible para favorecer a sustentabilidade da intervención. Os ocos da fachada serán modificados e a cuberta será obxecto dun novo acabado para ampliar os espazos e dar resposta ás novas necesidades. O interior reformarse na súa totalidade unificando acabados e instalacións. Tamén se reforzará o illamento térmico e será instalada unha barreira anti radón.
Así, a nova Casa do Concello implicará unha reestruturación dos espazos para ofrecer unha mellor e máis eficiente atención á cidadanía. Así, a planta baixa albergará o Rexistro Xeral e tamén as novas dependencias do Xulgado de Paz. O primeiro e o segundo andar acollerán os despachos e as zonas de traballo dos diferentes departamentos municipais (Alcaldía, Concellerías, Secretaría, Intervención, Tesourería, Administración, Urbanismo, Cultura, Deportes, Xuventude, Comunicación, etc.). E, como unha das novidades principais, na nova planta ático será creado un Salón de Plenos que funcionará, á súa vez, como espazo para o desenvolvemento de actos oficiais municipais, tales como as recepcións no Concello ou celebración de enlaces matrimoniais.
Materiais para a construcción
Os materiais e sistemas seleccionados para a construción dos novos volumes a edificar e os acabados responden ás necesidades de xestión medioambiental sustentables e de aproveitamento de recursos de Galicia que permita relacións co tecido económico, social e empresarial da comunidade. Empregarase madeira de bosques con declaración ambiental de produto e xestionados de maneira sustentable.
O orzamento base de licitación ascende a 1.761.000 euros (IVE engadido). Para o seu cofinanciamento xa se conta cunha achega de máis de 700.000 euros procedentes dos fondos Next Generation da Unión Europea ao abeiro da convocatoria de axudas para a rehabilitación de edificios de titularidade pública. O Concello tamén ten solicitada a colaboración económica doutras administracións que no momento actual están pendentes de resolución.
As empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas a través da Plataforma de Contratación del Sector Público ata 12 de maio ás 19:00 horas. Unha vez adxudicada, estímase que a execución das obras terá un prazo de dez meses.
Proxecto escollido
O proxecto redactado por Ezcurra e Ouzande Arquitectura S.L.P. fora a opción escollida entre as candidaturas que concorreran para ser seleccionadas polo Comité de Expertos nomeado polo Concello, formado por técnicos especializados das principais administracións (Demarcación da Costas de Galicia, Xunta de Galicia, Deputación da Coruña e Concello da Coruña) e representantes do tecido asociativo e deportivo municipal (Asociación Cultural Santa María de Torás e Unión Deportiva Paiosaco). Tamén se promoveu a participación cidadá mediante unha consulta popular coa fin de recoller ideas e opinións que mellorasen a intervención final.
A Casa do Concello da Laracha construíuse no ano 1974 e en 1989 foi obxecto da reforma coa que se aumentou o segundo andar e os espazos do baixo cuberta. Agora, medio século despois da inauguración, o edificio será obxecto desta rehabilitación integral que adecúe as instalacións para modernizalas, amplialas, facelas máis eficientes e operativas e integralas mellor na Praza do Concello.