Na sesión ordinaria da Xunta de Goberno Local celebrada o pasado 25 de maio acordouse aprobar con carácter inicial o proxecto de urbanización do Plan parcial AR-S1.
Na sesión ordinaria da Xunta de Goberno Local celebrada o pasado 25 de maio acordouse aprobar con carácter inicial o proxecto de urbanización do Plan parcial AR-S1 “Gallega de Mallas” que promove a sociedade Inmobiliaria Gabenlle.
O Plan parcial AR-S1, cuxo desenvolvemento está previsto no Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), é unha iniciativa privada que ten por finalidade crear un novo ámbito comercial nunha parcela situada na entrada ao núcleo urbano da Laracha en dirección A Coruña, xunto á estrada AC-552. Presenta unha superficie bruta de 28.890 m2 cun aproveitamento lucrativo resultante de 17.334 m2, dos cales corresponde unha cesión do dez por cento ao Concello.
Precisamente o proxecto de urbanización aprobado define tanto ditas cesións en canto a viais, espazos libres e zonas verdes como as obras a executar polo promotor, que asumirá todos os custes da construción do novo viario, incluíndo a glorieta de acceso á nova zona comercial desde a AC-552 e as 177 prazas de estacionamento público de vehículos que van ser creadas no ámbito e que estarán ao servizo da cidadanía larachesa. O orzamento ascende a 1.969.000 euros.
Procedemento
Continuando co procedemento administrativo, o acordo da Xunta de Goberno Local será publicado no Boletín Oficial da Provincia (BOP), momento desde o que o proxecto estará en exposición pública por un período dun mes e pendente dos preceptivos informes sectoriais antes de poder elevarse a aprobación a definitiva.
O desenvolvemento desta iniciativa preséntase como unha achega positiva á actividade comercial, xa que o sector quedaría integrado na trama urbana da vila e sería un motor comercial ao abrir novas oportunidades para a creación de emprego no termo municipal.
Na Xunta de Goberno tamén se acordou concorrer á convocatoria de subvencións da Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia a entidades locais para a promoción da igualdade, de forma individual e mediante o sistema de xestión compartida, cofinanciadas parcialmente polo Fondo Social Europeo Plus (FSE+) no marco da anualidade 2023 do Programa FSE+ Galicia 2021-2027.
O Concello pretende acollerse á liña de axudas do programa de apoio aos Centros de Información ás Mulleres para cofinanciar os gastos derivados do persoal adscrito a dito departamento (dirección, asesoramento xurídico e atención psicolóxica) e prevendo a incorporación dun axente de igualdade.
Salientar, por último, que a Xunta de Goberno tamén autorizou a solicitude da concesión do distintivo Bandeira Verde de Galicia que outorga a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda a aqueles municipios que destaquen polas súas boas prácticas en materia ambiental e de protección da paisaxe. O Concello da Laracha xa recibiu este distintivo por primeira vez en 2022 e agarda repetilo no ano actual.