O acto central da programación será a segunda edición da andaina «A Laracha unida fronte as violencias machistas»
Laracha organiza a programación municipal para conmemorar o 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as mulleres. En torno a esa data, o Concello desenvolve todos os anos actividades que complementa as diferentes iniciativas e servizos que están á disposición da cidadanía de xeito continuado.
O evento central será o propio 25 de novembro coa segunda edición da andaina A Laracha unida fronte as violencias machistas. Se convida a participar a todos os públicos. Sairá da Praza do Concello ás 16:30 horas, lugar no que tamén está fixado o punto de regreso tras percorrer unha distancia de cinco quilómetros.
Nos centros de ensino
O público adolescente e xuvenil será un dos grupos diana deste ano. Nos centros de ensino desenvolverase a programación consensuada cos equipos directivos e orientadoras na mesa de traballo sobre coordinación interinstitucional contra a violencia de xénero.
Nos tres colexios (CEIPs Otero Pedrayo, Alfredo Brañas e Caión) o alumnado de 4º, 5º e 6º de Infantil e de 1º e 2º de Primaria asistirá os días 24 e 25 ao contacontos Festa. Trátase dunha contada poética a cargo da actriz Iria Pinheiro baseada no teatro de obxectos no que a diversidade será o fío condutor.
Tamén haberá obradoiros de prevención da violencia de xénero que se realizarán durante os meses de novembro e decembro. En 3º e 4 de Educación Primaria versarán sobre identificar e entender conceptos e situacións básicas en relación coa igualdade e as distintas formas de violencia, incluíndo a dixital e o ciberacoso. En 5º e 6º abordarase que é a violencia machista, como identificar a violencia dixital e o papel que desempeñan os medios telemáticos nas relacións persoais.
NO IES Agra de Leborís o alumnado de 3º e 4º de ESO profundizará sobre ese concepto incidindo en cales son os primeiros sinais dunha relación de parella na que pode aparecer unha situación desas características.
Concursos e teatro
Para todos os públicos vai dirixido o concurso de tiktoks contra a violencia de xénero. o prazo para presentar os vídeos permanecerá aberto desde este sábado e ata o xoves da próxima semana. O propio día 25 de novembro abrirase a votación no Instagram @xuventudealaracha. Os usuarios desa rede social poden votar e decidir os vídeos gañadores dos tres premios que suman un importe total de 600 euros.
Ademais, tres das funcións do programa Venres Teatrais inclúense tamén no programa do 25N pola súa temática. Trátase de Tabú, que xa se realizou a semana pasada, e as obras The Witch e Miss Docet. Se poderán desfrutar na Casa da Cultura da Laracha a partir das 21:00 horas os venres 25 de novembro e 2 de decembro respectivamente, con entrada libre e gratuíta.
Esta programación do Concello da Laracha conta coa colaboración co Ministerio de Igualdad a través do Pacto de Estado contra la violencia de género, a Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia e a Deputación Provincial da Coruña.