O Concello da Laracha lanza unha nova iniciativa para iniciarse na marcha nórdica.
O Concello da Laracha lanza unha nova iniciativa dirixida a todas as persoas maiores de idade e empadroadas no termo municipal interesadas en iniciarse na marcha nórdica. Esta modalidade deportiva, saudable e apta para todos os públicos, consiste na realización de andainas incorporando bastóns similares aos de esquí, o que permite traballar tanto o tren inferior como o superior, mellorando así a postura, resistencia e coordinación.
O programa que promove o Concello consistirá na realización de rutas con periodicidade semanal e dirixidas por un monitor experto nesta disciplina que ensinará a técnica básica da marcha nórdica e guiará aos participantes por diferentes percorridos adaptados á condición física dos asistentes.
A inscrición xa está aberta, é gratuíta e debe formalizarse ben cubrindo o formulario en liña que estará dispoñible na web www.alaracha.gal e nas redes sociais municipais, ou ben acudindo ao departamento de Servizos Sociais do Edificio Administrativo da Laracha.
A primeira quenda realizarase os martes pola tarde a partir das 17:00 h (inicio o 22 de abril e remate o 17 de xuño) e a segunda, os xoves pola mañá desde as 10:00 h (inicio o 24 de abril e remate o 19 de xuño). Cada participante deberá escoller unha desas dúas quendas.
Con esta proposta o Concello procura o obxectivo de potenciar os estilos de vida saudables mediante a realización dunha actividade física que implica para os participantes beneficios neurolóxicos, fisiolóxicos, cardiorespiratorios, inmunitarios, musculoesquéticos e endrocrinometabólicos.
Este programa municipal é cofinancido pola Deputación da Coruña a través do Plan Provincial de Cooperación ás Obras e Servizos de Competencia Municipal (POS+ Adicional 1/2025 para o financiamento de gastos sociais extraordinarios).
