O Concello presenta o completo programa municipal de actividades de verán que se desenvolverá durante os meses de xullo, agosto e setembro.
O Concello presenta o completo programa municipal de actividades de verán que se desenvolverá durante os meses de xullo, agosto e setembro e que inclúe un total de dezaseis propostas culturais, deportivas, lúdicas e recreativas especialmente dirixidas ao público infantil e xuvenil, permitindo tamén en determinados casos a participación de persoas adultas. Ademais, o dobre obxectivo deste programa é ofrecer opcións para o aproveitamento do tempo libre e facilitar a conciliación da vida persoal, laboral e familiar durante o período de vacacións de verán nos centros escolares.
Prazo de inscrición
O prazo de inscrición abrirase o xoves da próxima semana, día 1 de xuño. Poderá formalizarse acudindo ao Concello ou tamén en liña cubrindo o formulario que se habilitará na web municipal alaracha.gal. O programa vai dirixido a persoas empadroadas no termo municipal da Laracha, aínda que en caso de quedar prazas dispoñibles a participación abriríase a alumnos dos centros de ensino que non sexan veciños da Laracha ou a nenos non empadroados, pero que si o está o seu pai ou nai. Salvo no caso dos campamentos (sorteo se hai máis solicitudes que as 50 prazas dispoñibles), no resto de actividades as prazas serán adxudicadas por orde de inscrición.
Neste verán volverá haber tres campamentos distintos para os diferentes grupos de idade. O campamento urbano realizarase no pavillón do IES Agra de Leborís do 3 ao 7 de xullo en horario de mañá (9:30 a 13:30 h) e vai dirixido a nenos de 3 a 7 anos. O tradicional campamento de Caión contará con dúas quendas (ambas de 10:00 a 18:00 horas), sendo a primeira tamén do 3 ao 7 de xullo (7 a 9 anos) e a segunda, do 10 ao 14 do mesmo mes (10 a 12 anos). En todos os casos ofrécese opcionalmente o servizo Madrugadores a partir das 8:30 horas para aqueles participantes que xustifiquen a necesidade de conciliación da vida persoal, laboral e familiar.
Programación deportiva no verán
A programación de verán tamén inclúe os tradicionais campus dos deportes máis practicados no termo municipal da Laracha. O de fútbol será do 17 ao 21 de xullo e en dous grupos nos campos Municipal da Laracha (5 a 10 anos) e A Porta Santa de Paiosaco (11 a 15 anos). O de baloncesto vai dirixido a rapaces de entre 6 e 15 anos e realizarase no pavillón Municipal da Laracha do 31 de xullo ao 4 de agosto.
Outras actividades para o público infantil (de 5 a 11 anos) serán kaiak nas Fragas do Eume (28 de xullo), paintball en Valdoviño (7 de agosto), saída ao Trampoline Park de Oleiros (11 de agosto), cursillo de iniciación ao surf na praia de Caión (25 de agosto) e Humor Amarelo na Coruña (25 de agosto).
Para o público xuvenil e adulto ofrécese paintball en Valdoviño (26 de xullo), a práctica do kaiak nas Fragas do Eume (28 de xullo), xornada no circuíto de karting de Vimianzo (9 de agosto) e rafting no río Ulla (23 de agosto).
Novidade principal
Ademais, como novidade principal deste ano haberá unha estancia de tres días (do 31 de xullo ao 2 de agosto) no parque multiaventura Rías Baixas na localidade pontevedresa de Cotobade para mozos de idades comprendidas entre os 13 e os 18 anos.
O domingo 13 de agosto será a quenda para un dos eventos clásicos da programación deportiva de verán do Concello coa 34ª edición do Día da Bicicleta. Volverá ser un percorrido A Laracha-Paiosaco-Caión con saída na Praza do Concello ás 11:00 horas. Neste caso as inscricións deberán formalizarse o mesmo día antes da saída na propia Casa do Concello.
O programa pecharase o 2 de setembro cunha Pequerruta ciclista para nenos a partir dos catro anos de idade que organiza a asociación Downhill Laracha coa colaboración do Concello.