O acto será aberto a todos os público e celebrarase na área verde do parque empresarial, xunto ás antigas telleiras do Cancelo.
Recuperar a memoria e o patrimonio material e inmaterial vinculado ás antigas telleiras, así como poñer en valor esa industria artesanal tan importante para o desenvolvemento económico e social da Laracha, son os obxectivos da iniciativa impulsada polo Concello que culminará o sábado 28 de setembro, coa presentación do libro As telleiras da Laracha e os cabaqueiros do Baixo Miño. O acto será aberto a todos os públicos e celebrarase na área verde do parque empresarial, xunto ás antigas telleiras do Cancelo.
A publicación, encargada polo Concello ao escritor e documentalista Xabier Maceiras, foi editada en colaboración coa Deputación da Coruña e a Xunta de Galicia. Nela faise un percorrido por todas as telleiras larachesas das que se ten constancia da súa existencia desde as primeiras décadas do século XX e ata a actualidade, indicando a súa situación xeográfica e a historia da súa orixe, e detallando quen eran cada un dos propietarios, os motivos polos que decidiron establecelas neses lugares, a actividade que desenvolvían e tanto o labor como as relacións persoais dos traballadores e traballadoras da industria.
As telleiras da Laracha e os cabaqueiros do Baixo Miño
As telleiras da Laracha e os cabaqueiros do Baixo Miño pon de manifesto a importancia desa comarca pontevedresa na historia das telleiras larachesas, cun peso fundamental tanto dos empresarios procedentes desa zona do sur de Galicia como de baixomiñotos que aportaban a man de obra nas factorías. É por iso que ao acto foi convidada unha ampla delegación procedente dos concellos do Rosal e da Guarda, que estará encabezada pola alcaldesa Ánxela Fernández e o alcalde Roberto Carrero, formada por antigos traballadores das telleiras larachesas e familiares. Precisamente un deles, José Álvarez Alonso -coñecido como Pepe ‘O Buraco’- que estivo empregado nos anos ’50 na telleira que o guardés Anselmo Álvarez tiña no Cancelo, fará unha exhibición de elaboración artesanal de tellas. Antes, pola mañá, a delegación procedente do Baixo Miño fará un roteiro polo termo municipal da Laracha guiado por Xabier Maceiras para coñecer o emprazamento das antigas telleiras e outros puntos de interese do municipio como o recinto feiral de Paiosaco.
Os actos oficiais, que estarán amenizados coa actuación musical de Irma Macías (a voz do grupo Luar na Lubre), culminarase coa sinatura dun Pacto de Amizade entre os rexedores dos Concellos da Laracha, O Rosal e A Guarda que simbolice a vontade de cooperar na procura de continuar levando a cabo iniciativas dirixidas a poñer en valor o patrimonio ligado aos antigos oficios artesanais de fabricación de tellas e ladrillos, manter viva a súa memoria e fortalecer a identidade común dos tres municipios.
Programa 28 de setembro (Área verde do parque empresarial)
- 16:30 h: Exhibición de elaboración artesanal de tellas a cargo de Pepe ‘O Buraco’.
- 17:30 h: Intervencións institucionais (sinatura do Pacto de Amizade) e presentación do libro As telleiras da Laracha e os cabaqueiros do Baixo Miño a cargo do autor, Xabier Maceiras.