O proxecto para a posta en valor da carballeira de San Fins, promovido polo Concello e redactado pola Fundación Juana de Vega, foi presentado o 23 de marzo.
O proxecto para a posta en valor da carballeira de San Fins, promovido polo Concello e redactado pola Fundación Juana de Vega, foi presentado o 23 de marzo nun acto aberto a toda a cidadanía que se celebrou no centro sociocultural de Cumiáns, na que fora a antiga escola unitaria de Montemaior, coa presencia dunhas cincuenta persoas.
Comezou o acto, co alcalde, José Manuel López Varela, valorando a importancia de que xa no Plan Xeral de Ordenación Municipal se contemplara a máxima protección para a carballeira de San Fins, e que recentemente foi adquirida polo Concello “como a mellor maneira de conservala e poñela en valor”. Ademais o rexedor destacou o potencial deste ámbito para convertelo “nun espazo medioambiental de referencia cultural, pedagóxica e educativa” para o coñecemento e interpretación da flora e a fauna autóctonas.
Pola súa parte, Pedro Calaza, director da Escola Galega da Paisaxe da Fundación Juana de Vega, e Camilo Blanco, técnico da entidade, explicaron que a redacción do proxecto parte dun preciso estudo a escala macro no que se aborda a importancia estratéxica a nivel territorial, de paisaxe e compositiva da carballeira, analizando tamén as posibilidades e limitacións que ofrece o espazo de acordo ao estudo da normativa urbanística e medioambiental existente e as informacións cartográficas sobre cursos da auga, usos do solo, concas visuais, zonas verdes, etc.
A partir de dito estudo macro, desenvolveuse unha análise en escala micro que deu como resultado un inventario botánico e outro faunístico para poder precisar os mecanismos máis axeitados para a xestión do espazo.
Estudo da Carballeira
O estudo comeza referíndose á carballeira de San Fins como un espazo natural de aproximadamente 2,2 hectáreas de superficie, ben definido nos seus bordes e cunha estrutura marcada principalmente polo arbolado de gran porte que forma unha bóveda vexetal continua. Nesa espazo existen aproximadamente 1.300 árbores, presentando por tanto unha densidade de unha cada 17 metros cadrados e unha percepción de bosque frondoso.
Así, o catálogo florístico diferencia tres espazos da carballeira: unha capa principal de arbolado de gran porte, un estrato inferior de arbolado de menor envergadura e un sotobosque que alterna partes máis diáfanas con outras que acumulan maior masa vexetal.
O estrato arbóreo, formado por 1.300 exemplares, está protagonizado na súa maioría por carballos (540), castiñeiros (356), loureiros (313) e acevos (44). Segundo os redactores do proxecto, vinte desas árbores superan os cen anos, e a de maior idade estimada é un carballo de 214 anos.
Xestión do espazo
Dentro das actuacións de conservación, mantemento e manexo da vexetación, proponse a limpeza sinxela e poda do arbolado que presente ramas mortas, así como a eliminación da hedra naqueles exemplares que se atopan en peor estado segundo o inventario realizado. Coa intención de conservar os valores ecolóxicos do lugar, o mantemento anual será mínimo, aínda que se realizarán accións específicas para a xestión de vexetación exótica invasora. O alcalde avanzou que as primeiras actuacións xa se iniciarán en poucas datas.
Como medidas de conservación da fauna, o trazado das rutas para visitantes terá en consideración puntos clave e establecerá un camiño permanente e outro temporal a empregar exclusivamente na época fóra da cría. Ademais, manteranse intactas as zonas de sotobosque, respectaranse os espazos inundables e o trazado do regato e realizaranse censos de fauna periodicamente.
Esas zonas de tránsito respectarán a diversidade biolóxica, minimizarán ao máximo os novos usos e contemplarán o establecemento de puntos de interese para a observación de fauna e flora singular que contarán con mobiliario elaborado en material natural, principalmente madeira.
Como medidas para a optimización dos servizos ecosistémicos, prevese o mantemento da capacidade produtiva do arbolado, evitaranse as podas agresivas, protexeranse os hábitats existentes e favorecerase a divulgación dos valores ecolóxicos do espazo xerando recursos para a formación, a educación e a investigación a través do uso por parte de escolares. Neste sentido, quedan definidos a situación dos paneis interpretativos, a sinalización e os monolitos informativos en puntos estratéxicos.
Salientar, por último, a creación dun espazo de aparcamento na parcela contigua que será construído cunha tipoloxía que lle permitirá integrarse na paisaxe da zona.