O Concello realizará o oitavo obradoiro dual de emprego en colaboración coa Xunta de Galicia.
O Concello continúa actuando no desenvolvemento de políticas activas de emprego e ofrecendo á veciñanza oportunidades para mellorar a súa empregabilidade e formarse en sectores con demanda de traballadores cualificados.
Con ese obxectivo organizarase, en colaboración coa Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia, un novo obradoiro de emprego, o oitavo que levará a cabo en solitario o Concello.
O Obradoiro de Emprego A Laracha VIII presenta un orzamento superior aos 750.000 euros, terá unha duración de doce meses e constará de dúas especialidades: a de traballos en carpintería e moble e a de operacións básicas de revestimento lixeiro e técnicas de construción complementado con mantemento e rehabilitación de edificios.
Cada unha das dúas especialidades contará con dez alumnos-traballadores, vinte persoas que durante ese período quedarán vinculadas ao Concello cun contrato de formación. Ademais de acceder a unha remuneración económica durante os doce meses e de realizar actuacións de interese xeral para a veciñanza do termo municipal da Laracha, ao completar a especialidade correspondente recibirán o certificado de profesionalidade que acreditará a súa formación, cualificación e competencia para exercer a profesión, mellorando por tanto a súa empregabilidade e facilitando a posterior inserción no mercado laboral.
Proxectos
Entre os proxectos que se lles encomendarán destaca a mellora da pasarela de madeira do paseo fluvial do Anllóns. Outras intervencións serán a reforma interior dos centros socioculturais de Erboedo -incluíndo a adaptación dos accesos- e de Cumiáns, o peche perimetral do Castro de Montes Claros, a renovación do mobiliario do espazo de lecer xunto ao campo de fútbol de Vista Alegre (Soandres) e a creación do que se instalará na ribeira de San Fins.
O Concello xa iniciou a fase de selección de persoal. No caso do alumnado-traballador, as persoas que desexen optar a un dos postos deben estar empadroadas no termo municipal da Laracha, ser maiores de idade e estar inscritas na súa oficina de emprego de referencia como demandantes de emprego e, ademais, como interesadas en participar en programas formativos como este obradoiro. Para a selección do director, docentes (un por cada especialidade), titor-formador, orientador-prospector laboral e auxiliar administrativo que estarán á fronte do obradoiro, farase a correspondente oferta pública de emprego.