A intervención consiste na renovación da superficie de vía.
As obras de mellora da estrada entre os núcleos da Cheda e Guilfoi, ambos na parroquia de Torás e preto a capital municipal, están en fase de execución.
A intervención consiste na renovación da superficie de vía nunha lonxitude lineal de 560 metros nos que a anchura media do firme supera os cinco metros. O acondicionamento das cunetas permitirá aproveitalas en determinados puntos para anchear a zona de rodadura dos vehículos, o que facilitará o tránsito e reforzará a seguridade viaria.
O proxecto supón un investimento de 47.000 euros, que financia integramente a Xunta de Galicia ao estar incluído polo Concello dentro do Plan de Infraestruturas Rurais (PIR) que promove a Consellería do Medio Rural.
A conservación e mantemento en bo estado dos máis de seiscentos quilómetros de estradas que conforman a rede viaria municipal é un asunto prioritario na xestión municipal durante os últimos anos, xa que é cuestión esencial para que existan boas comunicacións entre os máis de trescentos núcleos de poboación que existen no concello.