Coas obras de ampliaciación da rede de abastecemento melloraranse os servizos que se ofrecen ás vivendas desa zona, ademais de tratarse dunha intervención cun impacto directo na protección do medio ambiente.
O Concello iniciou as obras de execución do proxecto de ampliación da rede de abastecemento de auga na parroquia de Golmar entre os núcleos de Golmar do Medio e de San Pantaión.
A canalización realizarase pola marxe esquerda da estrada en dirección á Xesta nunha lonxitude de 800 metros máis un tramo de 40 metros pola marxe dereita para levar tamén o servizo ás vivendas desa zona.
O alcalde, José Manuel López Varela, e o concelleiro delegado das áreas de Obras Públicas e Urbanismo, Pablo Cambón, reuníronse no lugar das actuacións co responsable da empresa contratista, Construcciones Dámaso Ferreiro, para supervisar os primeiros traballos.
O proxecto está valorado en preto de 40.000 euros.
A ampliación dos servizos básicos como as redes de abastecemento son actuacións consideradas prioritarias para o goberno local, xa que supoñen importantes melloras para os veciños residentes nas zonas rurais do municipio, ademais de tratarse de intervencións que, polas súas características e finalidade, teñen un impacto directo na protección do medio ambiente.