O obradoiro de cociña infantil está incluído no programa municipal de actividades de Nadal.
O obradoiro de cociña infantil de Nadal que organiza o Concello no marco do programa municipal de actividades que oferta durante as Festas está a ter un rotundo éxito.
As dúas primeiras quendas desta iniciativa realizáronse o 26 de decembro na Casa da Cultura, contándose con vinte participantes en cada unha delas, corenta en total. Nas dúas horas de duración de cada obradoiro aprenderon a elaborar doces típicos destas datas como turrón, cocadas e galletas.
Os días 2 e 3 de xaneiro levaranse a cabo as outras catro quendas restantes, do mesmo xeito con vinte participantes en cada unha delas. Ao estar todas as prazas cubertas, o total de asistentes a estes obradoiros de cociña infantil de Nadal ascenderá a 120 nenos.
Con esta proposta o Concello, ademais de ofrecer aos rapaces a posibilidade de aproveitar o seu tempo de lecer, tamén facilita aos seus pais a conciliación da vida persoal, laboral e familiar.