O obradoiro será presencial e constará de dez sesións. A inscrición é gratuíta e debe formalizarse no edificio administrativo da Laracha.
O feito de coidar a unha persoa en situación de dependencia implica unhas consecuencias sobre o benestar, a saúde e a calidade de vida de quen desenvolve esa tarefa. En moitos casos ditas persoas, antepoñendo o coidado ás súas propias expectativas e proxectos de vida, ven afectada a saúde, autoestima, o lecer e tempo libre, a vida familiar, as relacións, o traballo e por tanto, a economía. Para estas persoas a responsabilidade, ás veces case exclusiva, do coidado de dependentes supón unha ruptura co seu proxecto de vida persoal, relegando os desexos e necesidades para atender os doutras persoas, e sumíndoas así nun estado de depresión e illamento social.
Conscientes desta situación, e para paliar esas consecuencias, o Concello e a Fundación Mujeres –coa colaboración da Deputación Provincial da Coruña- desenvolverán na Laracha un novo obradoiro presencial de apoio integral a persoas coidadoras de dependentes que sexan residentes en zonas rurais e que dará continuidade aos realizados nos últimos anos. A iniciativa é concibida como un recurso de orientación, acompañamento e apoio a distintos niveis (emocional, formativo, de activación persoal e social), sendo un complemento aos recursos xa existentes de apoio á dependencia.
Mellora da calidade de vida das persoas coidadoras
Deste xeito contribuirase a mellorar a calidade de vida das persoas coidadoras, excoidadoras e futuras coidadoras, e a promover o seu desenvolvemento individual e social aprendendo a demandar apoio de xeito eficaz e fomentando hábitos de vida máis saudables. Na metodoloxía do obradoiro primarán as actividades grupais dirixidas a reforzar as relacións sociais a través da interacción con persoas que están na mesma situación.
A formación en materia de autoestima, xestión emocional, relaxación e conciencia corporal e escoita activa pretende que as persoas participantes poidan exercer os labores de coidado dunha maneira máis saudable e que se minimicen os riscos que corren na actualidade asociados a malas prácticas e hábitos prexudiciais en relación ás tarefas que desenvolven como coidadoras.
O obradoiro constará de dez sesións que se impartirán os luns do 18 de setembro ao 20 de novembro en horario de 16:00 a 18:00 horas no centro sociocultural de Vilaño.
A inscrición, que é gratuíta, debe formalizarse con data límite o 15 de setembro no departamento de Servizos Sociais, acudindo ao edificio administrativo da Laracha ou chamando ao 981612811.