A candidata presenta unha lista municipal “gañadora para transformar A Laracha»
A voceira e candidata socialista á Alcaldía do Concello da Laracha, Palomi Rodríguez, presentou á Asemblea Local a súa proposta de lista á alcaldía para as eleccións municipais. Trátase dunha lista paritaria na que a acompañan nos primeiros postos os actuais concelleiros e concelleiras. “Compañeiros que xa ten demostrado a súa gran valía e experiencia na xestión municipal. Dando pasos enormes neste proxecto compartido de municipio e de enorme capital humano”, dixo.
“Temos xa aos mellores e con eles debemos continuar”. Avanzou unha importante renovación no resto da lista. Trátase de «persoas moi preparadas, ilusionadas e comprometidas, que representan a pluralidade da Laracha. Sen dúbida, un equipo gañador integrado por larachesas e laracheses de idades diversas, da contorna rural e urbana, procedentes do sector privado e do público e gran coñecedores da realidade das distintas parroquias».
“Queremos traballar intensamente polo crecemento, para que sexa unha Laracha diversa, máis xusta socialmente, máis inclusiva, accesible, ecolóxica, con valores feministas e integradores», dixo Palomi Rodríguez.
Experiencia e renovación
O deseño da candidatura foi un exercicio de equilibrio entre “a experiencia municipal e a renovación”. Nos cinco primeiros postos entran novos perfís como número 2 Héctor Suáre Prego, autónomo, de Paiosaco e no posto quinto Inés Ramos López, de Gabenlle, graduada en Dereito pola Universidade de León e cunha gran vocación pública, motivo polo que comezará a preparar oposicións:
- MARIA PALOMI RODRÍGUEZ CASTIÑEIRA, 51 anos, de San Román, leva 17 anos traballando no Parlamento de Galicia. Diplomada en Magisterio. Voceira dende 2019.
- HÉCTOR SUÁREZ PREGO, 41 anos, de Paiosaco, autónomo.
- ALBA DOLORES TOBA FERREIRO, 36 anos, de Torás, enfermeira de profesión. Foi delegada sindical durante oito anos. Concelleira dende 2019.
- JOSÉ MARTÍNEZ AGEITOS, 60 anos, vixiante de seguridade dende hai máis de trinta anos, de Torás. Delegado de UGT do Comité de Empresa Prosegur. Concelleiro dende 2019
- INÉS RAMOS LÓPEZ, 23 anos, de Gabenlle, graduada en Dereito.
