Un grupo de once mozos laracheses participarán nos próximos días nun programa de intercambio xuvenil que se vai celebrar en Venecia.
Un grupo de once mozos laracheses participarán nos próximos días nun programa de intercambio xuvenil que se vai celebrar en Venecia grazas á colaboración entre o Concello e o Polo Tecnico Professionale desa localidade italiana, e co apoio da Xunta de Galicia a través da Dirección Xeral de Participación, Xuventude e Voluntariado.
O alcalde, José Manuel López Varela, e a edil Rocío López, recibíronos no Concello para presentarlles tanto o programa de actividades previsto como ás tres monitoras municipais que os acompañarán durante a súa estancia en Venecia.
O rexedor explicoulles que a organización de iniciativas destas características son posibles grazas ás relacións establecidas entre A Laracha e outros municipios e entidades de diversos países do continente no marco dos programas de irmandamento desenvolvidos a través de Europe for Citizens co apoio da Unión Europea.
López Varela felicitounos pola praza obtida, xa que foi preciso realizar un sorteo ante o alto número de solicitudes de participación presentadas, e animounos a “aproveitar a oportunidade de desfrutar dunha cidade como Venecia, de coñecer outras culturas e de reforzar a aprendizaxe dos idiomas”, xa que no mesmo centro no que estarán aloxados os laracheses tamén haberá mozos doutros países como Portugal e Xeorxia.
A expedición larachesa partirá este sábado, día 24 de xuño, e regresará unha semana despois, o 1 de xullo. Durante eses sete días os participantes, ademais de coñecer a cidade e outras localidades do seu entorno, visitarán os puntos de interese máis importante e realizarán actividades de tipo cultural con percorridos polos principais museos e monumentos.