O Concello de Laracha instala a estación de lavado que xa está en funcionamento e o seu uso é gratuíto
O Concello instalou hoxe unha estación de lavado de bicicletas na rúa Manuel Murguía da Laracha, xunto ao IES Agra de Leborís. Este novo equipamento, que xa está a disposición da cidadanía, é público e de uso gratuíto. Consta dun espazo no que introducir a bicicleta, mangueira de auga a presión e catro cepillos para a limpeza manual asegurados con cables. Os mesmos, presentan diferentes características para adaptarse a cada unha das partes da bicicleta.
Consideraron que esta localización era a máis axeitada para implantar o lava-bicis tendo en conta a súa situación estratéxica. Está dentro do núcleo urbano da capital municipal, nunha zona residencial con parques infantís da Praza o Recreo e xunto ao centro de ensino. Ademais, está nas proximidades tanto do complexo da piscina municipal como da nova zona deportiva que o Concello está a crear pola parte posterior do instituto. Desde o Concello da Laracha agardan que «a estación de lavado sexa un incentivo para que a bicicleta gañe terreo na Laracha como un medio de transporte máis sostible e saudable», explican.