José Manuel López Varela accedeu por primeira vez á Corporación do concello da Laracha como concelleiro en 1987. Foi edil delegado de Cultura e Deportes e tenente alcalde antes de encabezar a lista do Partido Popular nas eleccións municipais de 1999. Nelas obtivo a primeira de, polo de agora, seis maiorías absolutas que agarda repetir en 2023. É natural da parroquia de Cabovilaño e diplomado en Maxisterio
Cales son os logros máis destacados na súa xestión desde a súa primeira lexislatura?
O concello da Laracha que temos hoxe en día é a mellor carta de presentación do logrado baixo a xestión dos equipos do Partido Popular que tiven a honra de liderar como alcalde. Son moitas cousas as que logramos coa axuda da cidadanía desde que fun investido por primeira vez en 1999. Para resumilo nunha frase: A Laracha está a gañar poboación e iso é porque este é un bo lugar para vivir. Tanto para os laracheses que deciden quedarse como para os que establecen aquí o seu proxecto vital. Destaco sobre todo as cousas que logramos e que facilitan o día a día da cidadanía con independencia do lugar no que residan, como ampliar a mellorar a rede de estradas para que os 311 núcleos de poboación estean ben comunicados.
Tamén aumentar a cobertura dos servizos de saneamento e abastecemento. Ou contar cunha rede de instalacións culturais e deportivas en todas as parroquias. E destinar medios e recursos para unha protección social ampla e de calidade, incluíndo atención á dependencia e axuda á conciliación das persoas traballadoras. Por suposto estou moi orgulloso de que A Laracha teña un parque empresarial de referencia en Galicia, xerador de novas oportunidades de desenvolvemento económico e de emprego de calidade do que tamén se benefician os nosos veciños.
As propostas para a próxima lexislatura son…
Temos moi claro o modelo de Concello que queremos para A Laracha e demostramos que sabemos como levar a cabo e facer realidade as nosas ideas. Para os próximos catro anos as máis ambiciosas son a ampliación do parque empresarial da que falei antes. E tamén quero destacar a construción dun novo auditorio municipal, porque a programación cultural do Concello é tan boa que a Casa da Cultura xa se nos queda pequena. Hai outros moitos proxectos que temos en mente para tódalas áreas de xestión do Concello:
- facer máis sendas nas vías principais
- continuar humanizando rúas
- construír unha senda que percorra todo o litoral de Caión
- rehabilitar a casa reitoral de Montemaior
- renovar os contidos do Museo dos Muíños de Golmar
- dar un novo impulso á feira de Paiosaco
- crear unha plataforma dixital para que os comercios poidan vender en liña
- habilitar unha aplicación informática para a reserva de instalacións deportivas…
Todo está detallado no programa electoral do Partido Popular da Laracha que durante a campaña levaremos a cada vivenda do municipio e que tamén pode consultarse na web www.ppalaracha.gal
Que proxectos relevantes están actualmente en marcha?
- Precisamente no momento actual está en trámite a ampliación do polígono industrial ata alcanzar os 1,5 millóns de metros cadrados de superficie.
- En materia educativa temos varias iniciativas. No CEIP Otero Pedrayo van ser adecuados os terreos xa adquiridos xunto ao centro para crear unha nova entrada principal, ampliar a estrada, habilitar zonas de aparcamento e aumentar os espazos vinculados ao colexio para equipamentos.
- Xunto ao CEIP Alfredo Brañas tamén foi adquirida unha parcela sobre a que se vai construír en breve unha pista polideportiva e, a continuación, un parque con mobiliario, xogos infantís e circuíto de calistenia, equipamento que tamén se vai facer en breve a carón do instituto.
- No complexo deportivo da piscina municipal está en licitación o proxecto de mellora das instalacións e adxudicada a renovación das máquinas do ximnasio.
- En materia medioambiental, deseñamos intervencións para a recuperación e posta en valor da carballeira de San Fins e da área verde do parque empresarial.
- Estamos a recuperar o patrimonio municipal coa segunda escavación arqueolóxica do Castro de Montes Claros, que queremos consolidar como un punto de visita obrigada.
- En breve vaise construír o novo depósito de auga que suporá un investimento de 2 millóns de euros e que permitirá dar cobertura a máis zonas do municipio.
- E temos en marcha o programa Eu merco na Laracha de apoio ao comercio local, ao que se destinan 40.000 euros para subvencionar as compras dos cidadáns nos establecementos laracheses.
Tras tantos anos como alcalde, cal é principal motivación nestas eleccións?
Preséntome á reelección como alcalde con máxima ilusión e co compromiso de seguir dando o mellor de min para facer da Laracha un lugar aínda mellor para vivir, traballar e investir. Fágoo cun equipo de persoas que representa ás trece parroquias e que combina veteranía, experiencia e xuventude. Temos ideas novas para que A Laracha continúe progresando da man do Partido Popular.

