O alcalde da Laracha, José Manuel López Varela, e o delegado territorial da Xunta, Gonzalo Trenor, izaron a Bandeira Verde de Galicia, que volver ondear na Praza do Concello.
O alcalde da Laracha, José Manuel López Varela, e o delegado territorial da Xunta, Gonzalo Trenor, izaron a Bandeira Verde de Galicia que volver ondear na Praza do Concello como símbolo do recoñecemento da Xunta polo labor municipal a prol da protección da paisaxe e do medio ambiente.
Neste ano son dezaoito os concellos galegos que obtiveron o distintivo ao ser considerados como os máis dinámicos neste eido por desenvolver boas prácticas para o coidado da contorna, o respecto da paisaxe, a minoración das emisións de CO2 e a redución do consumo enerxético.
Entra as accións levadas a cabo polo Concello e que posibilitaron a concesión deste distintivo cabe salientar as humanizacións e melloras da accesibilidade en rúas dos núcleos urbanos, a construción da senda peonil ao longo da estrada AC-552, o acondicionamento do entorno do IES Agra de Leborís coa creación dunha nova área axardinada xunto aos espazos deportivos, accións de eficiencia enerxética, a xestión dos residuos sólidos urbanos, o programa de compostaxe doméstica e o proxecto de ampliación do punto limpo, entre outras iniciativas.
A Bandeira Verde, creada no 2020 e outorgada por segundo ano consecutivo á Laracha, pretende convertese nun distintivo que sexa recoñecido pola cidadanía, turistas e visitantes para fortalecer a imaxe dos municipios máis comprometidos nos ámbitos ambiental, paisaxístico e de respecto ao patrimonio natural.
A Bandeira Verde de Galicia avala as políticas municipais nestes campos e é un aliciente para continuar realizando no futuro accións destas características.