O Concello ampliará a rede de saneamento en Erboedo co financiamento do fondo de compensación ambiental.
A Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes da Xunta de Galicia vén de comunicar ao Concello a concesión dunha achega económica ao abeiro da liña de subvencións en réxime de concorrencia competitiva do Fondo de Compensación Ambiental para o financiamento do proxecto de ampliación da rede de saneamento na parroquia de Erboedo.
A intervención deseñada polo Concello contempla a construción dun novo ramal dunha lonxitude aproximada de 400 metros que conectará a rede existente nos núcleos do Igrexario e de Reirís coa depuradora situada no lugar do Toural. Tamén, a obra, nun futuro permitirá avanzar cara a ampliación do servizo a outros núcleos de poboación, así como a ampliación da calzada polas que discorrerán as tubaxes soterradas.
O proxecto ten a dobre finalidade de mellorar os servizos e a calidade de vida das persoas residentes nesa zona rural, ao mesmo tempo que favorecerá o equilibrio entre a actividade humana e os ecosistemas naturais ao evitar posibles verquidos de augas residuais nun espazo próximo ao río Anllóns.
O orzamento destas obras ascende a 40.000 euros.