O Concello organizará por terceiro ano consecutivo o programa «A Laracha acolle».
O Concello organizará por terceiro ano consecutivo o programa A Laracha acolle, unha iniciativa dirixida ás persoas inmigrantes empadroadas no termo municipal -prioritariamente, ao colectivo das mulleres- que ten por finalidade a súa inclusión social e cultural.
Do mesmo xeito que nas anteriores edicións, A Laracha acolle componse de dúas liñas de acción complementarias entre si, consistentes nun taller de alfabetización nas linguas oficiais de Galicia e no espazo de expresión e participación cultural Exprésa-T.
O taller de alfabetización nas linguas oficiais de Galicia ten por propósito a adquisición de habilidades lingüísticas que lles permita ás persoas inmigrantes desenvolverse de forma autónoma nas diferentes situacións da vida diaria. As sesións levaranse a cabo seguindo unha metodoloxía alternativa de ensinanza e aprendizaxe con perspectiva de xénero, traballando os contidos empregando unha linguaxe non sexista e poñendo en valor o papel das mulleres na sociedade.
O espazo de socialización e expresión cultural Exprésa-T, reforzando a acción anterior, céntrase na creación dun espazo coeducativo de participación e convivencia que permita poñer en práctica os contidos asimilados a nivel lingüístico e no que, a través do coñecemento e intercambio mutuo das distintas culturas presentes no municipio, se potencie o desenvolvemento de relacións sociais e persoais igualitarias que contribúan á construción dunha verdadeira sociedade intercultural.
As persoas interesadas en participar no programa A Laracha acolle deben inscribirse no departamento de Servizos Sociais, ben acudindo ao edificio administrativo da Laracha ou ben chamando ao 981612811. O inicio do programa será o día 2 de outubro.