O CEIP Otero Pedrayo cumpre 50 anos de actividade.
O CEIP Otero Pedrayo é o colexio con maior volume de alumnos do termo municipal da Laracha. Neste curso escolar o centro cumpre 50 anos de actividade desde a súa inauguración, motivo polo que o Concello e a comunidade educativa promoverán un programa de actos conmemorativos que xa se comezou a planificar na reunión mantida na Casa Consistorial entre representantes municipais -o alcalde, José Manuel López Varela, e a concelleira de Educación, Patricia Bello-, e membros do equipo directivo do colexio e da ANPA O Acevo.
Durante a xuntanza compartíronse ideas e propostas para a organización dos actos que se van desenvolver o sábado día 31 de maio nas propias instalacións do centro de ensino, que estarán abertas a toda a cidadanía. A xornada, entre outras iniciativas, incluirá sesión vermú, xantar no pavillón polideportivo cuberto e diversas actividades para todos os públicos con propostas culturais, musicais, lúdicas e festivas.
Precisamente para que membros e exmembros da comunidade educativa do CEIP Otero Pedrayo (profesorado, alumnado, representantes das asociacións de nais e pais, etc) sexan protagonistas da xornada, faise un chamamento para que todos aqueles que formen parte dunha banda de música ou desenvolvan algunha outra disciplina artística e queiran actuar, se poñan en contacto co colexio para poder incluílos na programación.
O alcalde, José Manuel López Varela, mostroulles aos membros da comunidade educativa a “plena disposición” e o “orgullo do Concello” por colaborar na conmemoración desta destacada efeméride, xa que “o CEIP Otero Pedrayo forma parte fundamental da historia e do tecido social, educativo e formativo da Laracha”.