Palomi Rodríguez, portavoz do Psoe local, entende que o viveiro pode ser “unha ferramenta útil” pero cre que «é preciso facilitar o acceso das empresas»
A corporación municipal da Laracha debaterá no próximo pleno a Ordenanza reguladora do funcionamento do viveiro industrial de empresas do Concello. A infraestrutura está concibida para favorecer a innovación, impulsar o emprendemento e dinamizar o tecido económico local. Pero o Psoe local cre que é preciso introducir algúns cambios no seu funcionamento para facilitar o acceso das empresas ás instalacións e os distintos servizos dispoñibles. Por iso, o grupo socialista presentou 19 emendas. Tal como defende a concelleira Palomi Rodríguez, están encaminadas a “consolidar o viveiro como aquilo que debe ser, unha ferramenta útil para a creación de emprego e riqueza na Laracha”.
Algunhas das propostas incluídas nas emendas son de carácter formal. Pero a maior parte responden directamente ás demandas e necesidades das persoas emprendedoras. Solicítase, por exemplo, unha ampliación do horario previsto para garantir a dispoñibilidade dos servizos polas tardes, así como os sábados pola mañá. Do mesmo modo, se propón a extensión do prazo máximo da cesión do espazo a dous anos, prorrogables a tres se hai vacantes. Trátase de unha medida que “sería moi ben recibida polos pequenos negocios que están iniciando a súa actividade”, segundo a portavoz socialista.
Incentivar as solicitudes
Outra das propostas do Psoe para mellorar o texto é a revisión das sancións previstas ante posibles infraccións cometidas polas empresas beneficiarias da cesión. Rodríguez considera que as cantidades establecidas, que poden chegar ata os 2.000 euros, “son excesivas e poden desanimar”. Lembramos que o Concello da Laracha ofrece no viveiro, dúas naves diáfanas e un espazo tipo coworking con oito postos independentes. Tamén mobiliario de oficina, servizo de internet, servizo de recepción e sala de reunións. «Unhas instalacións que corren o risco de quedar infrautilizadas en caso de non lle ofrecer unha proposta atractiva ás persoas emprendedoras», engaden.