O cambio definitivo no texto permitirá mellorar o funcionamento interno da venda ambulante na feira de Paiosaco
O novo regulamento municipal de venda ambulante xa está aprobado con carácter definitivo despois de superarse o período de exposición pública sen recibir alegacións. Continuando cos prazos administrativos para este tipo de procedementos, a entrada en vigor do novo texto será efectiva quince días hábiles despois da publicación –no día de onte- no Boletín Oficial da Provincia (BOP).
O cambio do regulamento ten por finalidade esencial adaptar o texto ás últimas modificacións normativas. Tanto a nivel estatal como autonómico por transposición ao ordenamento xurídico español de directivas europeas. Na práctica isto implicará poder avanzar cara unha máis óptima organización da feira de Paiosaco que se desenvolve o primeiro e terceiro domingo de cada mes. Tamén do mercadillo dos luns en Caión.
A nova norma mellora aspectos como o funcionamento interno, o procedemento de concesión dos posto e o cambio de titularidade. Pero tamén, a identificación dos comerciantes e os requisitos necesarios para exercer a venda. Ademais, quedan establecidas multas aos titulares de postos que non os manteñan nun correcto estado de limpeza tralo remate das xornadas de feira.
O regulamento non considera como venda ambulante a venda directa de produtos agrícolas de temporada exercida polos propios agricultores. A elles se lles continuará permitindo o uso libre e gratuíto dos espazos do recinto feiral de Paiosaco destinados aos produtos de campo.