En 2021 foron xestionadas 4.313 toneladas de residuos sólidos urbanos nos cinco tipos de colectores grazas ás melloras no servizo de recollida
A empresa concesionaria tanto dos servizo de recollida e transporte dos residuos sólidos como da xestión das instalacións do punto limpo da Laracha – Cogami, a través do seu centro de emprego Coregal– achegou as cifras correspondentes a 2021. As mesmas reflicten que no pasado ano foron xestionadas un total de 4.313 toneladas de residuos sólidos urbanos.
O balance dos datos poñen de manifesto a consolidación da reciclaxe e a tendencia á alza do volume de residuos depositados pola cidadanía nos contedores de recollida selectiva. O volume máis importante corresponde ao contedor da fracción resto, con 3.855 toneladas recollidas.
Como dato significativo, cabe salientar os do contedor marrón de orgánicos, a quinta fracción da recollida selectiva, implantado nos núcleos urbanos da Laracha, Paiosaco e Caión e na urbanización Monte Claro de Cabovilaño, e no que se depositaron durante o ano pasado preto de 125 toneladas. Entre familias e establecementos comerciais actualmente hai uns seiscentos usuarios destes colectores que están dados de alta no programa Ti tes a chave. Calquera persoa que se anote no Concello recibirá de xeito gratuíto a chave que abre os recipientes marróns, un cubo ventilado e bolsas compostables.
Contenedor amarelo
Tamén se incrementou o material recollido nos contedores amarelos para envases lixeiros, con 155 toneladas no ano pasado. Este aumento está motivado tanto pola maior concienciación da veciñanza como pola progresiva ampliación da cobertura nos principais núcleos rurais pola que está a apostar o Concello.
Pola súa parte, nos iglús verdes de vidro xestionáronse 119 toneladas e de papel e cartón un total de 59 toneladas, das cales 45,5 foi material depositado polos cidadáns nos colectores azuis e outras 13,5 recollidas mediante o servizo porta a porta que se presta aos establecementos comerciais.
Ademais, nos contedores laranxas para do depósito de aceites domésticos que están implantados nos tres núcleos urbanos e na urbanización de Cabovilaño desde mediados de agosto foron recollidos 1.890 quilos. O correcto tratamento deste tipo de residuo evitou a contaminación de 2.079.000 litros de auga. Ademais, a súa transformación en biocarburante posibilitou a redución de 5,67 toneladas de emisións de dióxido de carbono (CO2).
En canto ao punto limpo, os datos achegados corresponden aos últimos cinco meses do ano, xa que Cogami é concesionaria da súa xestión desde finais do pasado mes de xullo. As cifras máis significativas son as seguintes:
- 10,7 toneladas de ferralla
- 7 toneladas de aparatos electrónicos
- 3 toneladas de electrodomésticos
- 4,1 toneladas de monitores e pantallas
- 7,5 toneladas de plásticos de uso agrícola
- 1,1 toneladas de pintura
- 13,5 toneladas de materiais de difícil reciclaxe
- 120 quilos de pilas
Punto limpo
O punto limpo é un servizo totalmente gratuíto para os usuarios situado xunto á ponte do Formigueiro, moi preto do casco urbano da capital municipal. Está aberto ao público os luns, mércores e venres pola tarde e os sábados en horario de mañá. Ademais, o servizo de recollida de voluminosos a domicilio tamén se ofrece de xeito gratuíto chamando ao teléfono 900701120. Nos últimos cinco meses de 2021 foron transportadas e xestionadas 26,6 toneladas.
O Concello da Laracha agradece á veciñanza o seu esforzo na separación dos residuos, unha cuestión esencial para facilitar o seu posterior tratamento e reciclado por parte de xestores especializados.