O Concello da Laracha está a estudar a documentación do proxecto para remitir as opinións durante o período de información pública aberto ata o 22 de decembro
O proxecto do parque eólico Meirama contempla a instalación de seis aeroxeneradores preto do límite con Cerceda, catro deles no termo municipal da Laracha. A Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación da Xunta de Galicia terá en información pública ata o 22 de decembro a solicitude de autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción, o estudo de impacto ambiental e o proxecto de interese autonómico do parque.
Contempla a instalación de seis aeroxeneradores preto do límite entre os termos municipais da Laracha e de Cerceda cunha potencia máxima total de 21 MW. Catro deles están previstos na larachesa parroquia de Soandres, na zona coñecida como Monte da Cabra. Os núcleos de poboación máis próximos son A Ferradura e Silvoso.
O Concello está a estudar a documentación para remitir as correspondentes achegas, suxestións e opinións durante o período de información pública. Así mesmo, o persoal técnico da Laracha está a disposición da cidadanía para ofrecer a información oportuna. Tamén para asesorar aos cidadáns que estimen oportuno presentar alegacións a título individual.
A documentación completa sobre o proxecto do parque eólico Meirama está dispoñible nesta ligazón https://economia.xunta.gal/transparencia/informacion-publica/en-tramitacion/instalacions-de-xeracion?content=expediente_0242.html