Neste programa dual de formación e emprego participaron 20 alumnos traballadores
O alcalde da Laracha, José Manuel López Varela e a Conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, clausuraron o obradoiro de emprego A Laracha VI. Estiveron acompañados pola Directora Xeral de Formación e Colocación, Zaida Lado; a Xefa Territorial, Judit Fontela e a Concelleira de Emprego e Promoción Económica, Rocío López.
Neste programa dual -financiado polo Concello e pola Xunta de Galicia- participaron un total de vinte e cinco persoas. Vinte foron os alumnos traballadores vinculados ao Concello cun contrato de formación. Outras cinco persoas compoñían o equipo directivo, formativo e administrativo.
Entre as actuacións levadas a cabo pódese salientar o acondicionamento e mantemento das zonas verdes do Polígono Industrial da Laracha e do entorno do Viveiro Industrial. Tamén fixeron mantemento do paseo fluvial do río Anllóns, mellora da Área Recreativa de Gabenlle e do entorno do Centro de Interpretación de Golmar.
Impacto positivo e continuidade
Na oportunidae, a conselleira María Jesús Lorenzana, remarcou o “impacto positivo” que os obradoiros de emprego teñen tanto en capacitación como para a vida da veciñanza. Durante nove meses, as alumnas e alumnos “formaron parte dunha cadea de valor” polo caráter inclusivo da formación. As mulleres tiveron unha presenza significativa. Especialmente no módulo de carpintaría que contou con 7 mulleres das 10 prazas ofertadas. “Un bo indicador de que as mulleres están gañando terreo e conseguindo ter presenza nun sector como o da madeira, tradicionalmente masculinizado”, resaltou.
O obradoiro dual clausurado onte terá a súa continuidade na nova convocatoria 2021-2022 denominada A Laracha VII. Iniciará a súa andaina o próximo 15 de outubro, con data de remate prevista en xullo de 2022. Nesta ocasión, garantirase formación e a posible contratación de 20 persoas que se especializarán en atención sociosanitaria a dependentes en institucións sociais. E tamén en pintura industrial en construción.
«Grazas ao investimento autonómico histórico de 41,2 millóns de euros, celebraranse en toda Galicia nos próximos meses 113 talleres de emprego. Serán 94 obradoiros duais e 19 programas para persoas mozas e están destinados a 2.200 persoas», destacan desde a Xunta.