Os hostaleiros ofrecerán as tapas a 1,90 euros nas fins de semana de novembro e haberá premios e agasallos
O alcalde, José Manuel López Varela, e a concelleira de Promoción Económica, Rocío López, presentaron a primeira edición do concurso Destapa A Laracha onde participan catorce locais hostaleiros. A iniciativa se vai desenvolver durante as catro fins de semana -de venres a domingo- do mes de novembro.
Cada establecemento ofrecerá a súa elaboración ao prezo de 1,90 euros nas franxas horarias que estimen oportuno. As mesmas estarán actualizadas ao momento tanto na web www.destapaalaracha.com como nas redes sociais desta iniciativa organizada polo Concello da Laracha.
Os locais concursantes optan a dous premios de mil euros cada un, que serán outorgados segundo as valoracións de:
- Xurado popular: a clientela poderá adquirir un pasaporte impreso con espazo para que cada establecemento no que consuman unha tapa poña o seu selo e para indicar a súa valoración persoal. Para que o voto sexa válido, debe conter selos de cinco establecementos diferentes de, alo menos, tres parroquias distintas.
- Xurado acreditado experto: configurado por tres profesionais do sector da hostalería e da cociña, que visitarán cada local de forma anónima e se reunirá posteriormente para decidir o gañador.
Sorteo de premios entre o xurado popular
Aqueles consumidores que emitan o seu voto válido e que, polo tanto, formen parte do xurado popular, entrarán no sorteo de premios. Consisten en vales de compra de 30 euros para gastar no comercio local adherido á iniciativa, cofres regalo e outros agasallos cedidos polas empresas colaboradoras.
O alcalde explicou que “tralas experiencias positivas anteriores, decidimos ampliar a posibilidade de participar a locais de todo o Concello para que todos teñan as mesmas oportunidades”. Outra das novidades é que o programa se realizará durante catro fins de semana en lugar de concentralo nunha única porque “pretendemos desestacionalizar a oferta”. Non obstante, López Varela lembrou que cada participante pode escoller que días e a que horas ofrecerá as tapas.
O rexedor municipal valorou “o esforzo que facedes por participar” e agarda que a iniciativa sirva de “revulsivo pola promoción e publicidade que se fará dos locais hostaleiros”, ademais de optar a “premios atractivos”.
Por último, o alcalde tamén lembrou que os vales de compra que se sortearán entre os consumidores, deberán ser gastados no comercio local e agradeceu ás casas comerciais participantes pola achega de agasallos.
Relación de establecementos hostaleiros participantes en Destapa A Laracha:
- O Noso Café (A Laracha)
- Café Bar O Encontro (A Laracha)
- O Trasno (A Laracha)
- Bar Lestón (Paiosaco)
- Bar Balbís (Paiosaco)
- Fogón da Pía (Paiosaco)
- Cafetería Suíza (Paiosaco)
- Bar Alecrín (Paiosaco)
- Furna Atlántica (Caión)
- Asteria Beach (Caión)
- A Taberna de San Cristovo (Golmar)
- Bar Isabel (Montemaior)
- Café Bar Buenos Aires (Vilaño)
- Café Bar Basilea (Cabovilaño)