Dividido en cinco lotes cun importe total de 140.000 euros a licitación inclúe actuacións en vías e parcelas municipais
O Concello da Laracha vén de sacar a licitación o servizo de roza e desbroce de cunetas de estradas e parcelas de titularidade municipal. A finalidade é acometer durante os próximos meses os traballos de eliminación da vexetación herbácea nas marxes das vías para frear o seu crecemento. Ademási, para mellorar a visibilidade dos condutores e peóns e reforzar a seguridade viaria, ademais de previr riscos de incendio e manter o ornato público. O prazo de presentación de ofertas permanecerá aberto ata o 20 de abril.
En total o Concello destinará 140.000 euros procedentes de fondos municipais. Actuarase en máis de trescentos quilómetros de estradas municipais, 83 quilómetros de pistas forestais e preto de 32 hectáreas de terreos. Tamén en parcelas de titularidade municipal que non están incluídos no contrato do servizo de limpeza e mantemento de zonas verdes.
Varias intervencións
Segundo o establecido nos pregos, en determinadas vías e parcelas será preciso facer dúas, tres ou ata catro intervencións para mantelas en boas condicións ao longo dos próximos meses. Co propósito de axilizar as traballos, cada licitante só poderá resultar adxudicatario dun dos cinco lotes nos que está dividido o contrato, e que son os seguintes:
- Lote 1. Estradas municipais das parroquias de Cabovilaño, Caión, Lemaio, Lendo, Torás e Vilaño: 37.645,76 euros.
- Lote 2. Estradas municipais das parroquias de Coiro, Erboedo e Soandres: 29.731,84 euros.
- Lote 3. Estradas municipais das parroquias de Lestón, Golmar, Montemaior e Soutullo: 30.664,32 euros.
- Lote 4. Camiños forestais de todo o termo municipal: 22.395,15 euros.
- Lote 5. Parcelas e terreos de titularidade municipal: 19.298,53 euros.