Por un período de catro anos prorrogables por outros dous, o contrato está valorado nun total de 661.000 euros
Na última sesión da Xunta de Goberno Local acordouse adxudicar ao centro especial de emprego Aspaber S.L. o novo contrato de limpeza viaria. É por un período de catro anos prorrogables por outros dous máis. Dáse a circunstancia de que esa é a mesma entidade que viña prestando o servizo nos últimos anos.
O servizo está valorado nun total de 661.000 euros polos catro anos máis o IVE correspondente. A principal novidade é a inclusión, por primeira vez, da limpeza da praia de Caión. Ademais, como no anterior contrato, contémplase:
- varrido manual nos núcleos urbanos (frecuencia diaria) e rurais
- baldeo mecánico (limpeza mediante auga a presión)
- eliminación de herbas no borde da calzada
- mantemento de papeleiras
- intervencións especiais (caída da folla no outono, xornadas de feira en Paiosaco, festas populares, etc)
Cabe lembrar que o procedemento de contratación fora dirixido exclusivamente a centros especiais de emprego e empresas de inserción laboral de persoas con diversidade funcional.
Limpeza de edificios municipais e licencias
Na Xunta de Goberno tamén se acordou modificar o contrato en vigor referido á limpeza de edificios e instalacións municipais para incluír no mesmo o centro comunitario de Caión recentemente inaugurado. O cambio contempla o incremento no número total de horas do servizo e a correspondente compensación económica á empresa concesionaria. Ademáis, foron concedidas dúas licencias urbanísticas, das cales unha é para a construción dunha vivenda unifamiliar no lugar das Rañeiras, na parroquia de Lestón.