Icono del sitio El Diario de A Laracha

Procedemento de contratación de obras de mellora das infraestructuras municipais

fondos para obras Laracha

Orzamentos Concello da Laracha

Un total de 62 empresas optan ao procedemento de contratación de obras no Concello da Laracha

O Concello da Laracha ten en fase de contratación tres proxectos dirixidos a mellorar as infraestruturas viarias e os equipamentos deportivos de uso público. Recentemente, remataron os períodos de presentación de ofertas. Nos próximos días reunirase a Mesa de Contratación para proceder á súa clasificación cono trámite previo á adxudicación dos contratos.

O proxecto no que hai un maior número de aspirantes á adxudicación (31) é a urbanización da prolongación da Avenida Manuel Fraga pola parte posterior do IES Agra de Leborís. Trátase da vía de recente apertura coa que o Concello está a crear unha circunvalación que conectará directamente a estrada A Laracha-A Silva (DP-2404) coa estrada A LarachaSoandres (DP-1913). Así, mellorándose sensiblemente as comunicacións rodadas ao evitar que os vehículos accedan polo centro do casco urbano da Laracha. Tamén permitirá habilitar un novo acceso cara o instituto para os autobuses de transporte escolar, reforzándose así a seguridade para os seus usuarios.

As actuacións alcanzan preto de 245.000 euros. Inclúen a pavimentación da calzada, construción de beirarrúas, espazo de aparcamento, axardinamento, creación das redes de saneamento e abastecemento. Tamén, canalización soterrada dos servizos de rede eléctrica, telecomunicacións e iluminación pública e sinalización horizontal e vertical. Está contemplada, entre outras medidas, un paso de peóns elevado. Cóntase co financiamento da Deputación da Coruña.

Pista deportiva e mellora en Montemaior

Xunto a esta nova vía, tamén a carón do Instituto, será creada unha nova pista polideportiva descuberta de uso libre que complementará a construída nese mesmo lugar o ano pasado. Neste caso son 22 empresas as que optan á adxudicación. A obra está valorada en 98.000 euros. A pista terá unhas dimensións de 42×25 metros máis dous metros de seguridade. Marcaranse lonxitudinalmente unha pista de fútbol sala de medidas regulamentarias e, transversalmente, dúas pistas de baloncesto. Contará con iluminación e un valado perimetral de malla.

Por último, 9 empresas aspiran a resultar adxudicatarias na contratación do proxecto de mellora da estrada da parroquia de Montemaior que vai desde Santa Margarida á Silva. Consiste na completa renovación do firme desta vía, que é de gran importancia ao comunicar as fincas agrícolas desa zona coa estrada DP-2404 que dirixe á Silva (Concello de Cerceda) e dar tamén acceso ao termo municipal de Carballo por Paradela. O orzamento ascende a máis de 65.000 euros a cofinanciar entre o Concello e a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader).

Salir de la versión móvil