A finalidade da zona azul gratuíta é facilitar a rotación dos vehículos na área máis céntrica
O Concello da Laracha reactivará o luns 22 de xuño a zona azul gratuíta tanto na Avenida Fisterra como na rúa Santa Lucía, ambas na capital municipal. A medida tómase unha vez levantado o estado de alarma en Galicia e recuperada, en gran medida, a actividade habitual nas rúas do núcleo urbano.
Por tanto, desde o primeiro día da próxima semana volverá restrinxirse a noventa minutos o tempo máximo de estacionamento dos vehículos. Para cumprir a normativa deberase indicar a hora de chegada nun lugar visible e por calquera medio nas prazas de aparcamento marcadas en cor azul.
A medida estará vixente de luns a venres pola mañá en horario de 9:00 a 15:30 horas. Durante as tardes, nas fins de semana e tamén nos festivos poderase estacionar sen ningún tipo de restrición horaria. A ordenanza municipal establece exencións a ambulancias e vehículos de emerxencias, automóbiles particulares que dispoñan da tarxeta de mobilidade reducida e vehículos do persoal do centro médico e punto de atención continuada da Laracha.
A finalidade da zona azul gratuíta é facilitar a rotación dos vehículos na área máis céntrica da capital do Concello. Alí é onde se concentran tanto os edificios administrativos municipais como entidades bancarias, supermercados e comerciais e hostaleiros.