A actividade Inclúe visita ao museo dos muíños de Golmar e andaina de 4 km polo río Acheiro.
O Concello da Laracha programou tres xornadas, andaina incluida, para coñecer o patrimonio municipal vinculado aos muíños de auga.
Neste sentido, as actividades faranse os xoves días 10, 17 e 24 de agosto en horario de mañá. A inscrición está aberta.
Desde o Concello apuntan que os entornos fluviais do termo municipal da Laracha posúen unha extraordinaria riqueza paisaxística, medioambiental e etnográfica vinculada aos muíños de auga que o Concello anima a coñecer a toda a cidadanía.
Así, con ese obxectivo, os xoves días 10, 17 e 24 de agosto, en horario de mañá (de 10:00 a 13:00 horas) realizarase unha actividade consistente nunha visita ao Centro de Interpretación dos Muíños de Auga da Costa da Morte que se complementará cunha andaina de 4 quilómetros a carón do Acheiro na que poderán observarse os restos de antigos muíños ao paso do río polas parroquias de Golmar e de Vilaño.
A inscrición é gratuíta; está aberta e debe formalizarse acudindo á oficina de información turística de Caión ou chamando ao 981604324.

A Ruta da muiñeira a ritmo do río Acheiro que se vai realizar nesas tres xornadas cunha guía municipal especializada está incluída dentro do programa A Laracha Activa, que propón ese e outros seis percorridos para realizar de forma autónoma en calquera época do ano.