Icono del sitio El Diario de A Laracha

Unanimidade en todos os puntos da orde do día do Pleno

unanimidad votos en Laracha

No Pleno do día 4 de febreiro na Laracha as mocións probáronse por unanimidade

Os tres grupos municipais votaron por unanimidade os contido do POS+ 2022 e da bonificación fiscal a unha empresa que se implanta no polígono industrial

O Pleno ordinario celebrado o día catro na Casa da Cultura da Laracha aprobou por unanimidade a proposta do grupo de goberno para destinar os fondos das diferentes partidas que percibirá o Concello neste ano 2022 con cargo ao Plan Único Concellos (POS+) da Deputación da Coruña.

En total serán 819.627,71 euros divididos en tres achegas con diferentes finalidades: 423.382,43 euros destinaranse a obras de investimento, 293.515,02 son para gasto corrente e 102.730,26 euros corresponden ao POS+ Adicional para o financiamento de gastos sociais extraordinarios.

Ademais, o Plan complementario, que ten natureza de reserva e a súa finalidade é poder investir os créditos procedentes no caso de que a Deputación da Coruña acordase unha maior achega para o POS+ ao longo do ano, tamén queda definido cun orzamento de 374.338,92.

Así, os proxectos a financiar con cargo á achega para obras de investimento céntranse na mellora da rede viaria municipal con actuacións contempladas nas seguintes parroquias:

Pola súa parte, o Plan Complementario inclúe actuacións nas parroquias de Lemaio (A Fontaíña e Proame), Erboedo (San Paio e O Igrexario), Coiro (A Ferrulleira), Golmar (As Talladas), Montemaior (O Penedo, A Carballa Redonda e Adrán) Soutullo (estrada entre Groba, da parroquia de Golmar, e O Vilar do Boi), Torás (estrada entre Riotorto e a vía provincial DP 0513), Lestón (Os Currais) e Caión (Cima de Vila).

E co POS+ Adicional financiaranse gastos sociais extraordinarios que asumirá o Concello ao longo do 2022 en tres áreas: ampliación do servizo de axuda a domicilio en todas as súas modalidades, reforzo do persoal adscrito aos servizos sociais municipais e aumento da dotación das partidas económicas destinadas ás axudas de emerxencia para persoas e familias en situación de risco de exclusión social para asegurar a cobertura das necesidades básicas.

O alcalde, José Manuel López Varela, considera que o Plan Único Concellos significa “unha achega importante no orzamento municipal” e que toda aportación doutras administracións “é benvida para reforzar os servizos municipais e poder realizar obras de interese para a cidadanía”.

Bonificación ICIO

Tamén houbo unanimidade na aprobación da concesión dunha bonificación do 95% no imposto municipal de construcións, instalacións e obras (ICIO) ao proxecto de creación da nave industrial da firma Unifersa no parque empresarial da Laracha. Este incentivo está contemplado no artigo 6 da ordenanza fiscal número 17 ao tratarse dunha actuación de especial interese por concorrer circunstancias de fomento do emprego, xa que dito proxecto ten por finalidade a implantación da empresa no polígono industrial.

A cota tributaria xeral en concepto de ICIO para o proxecto de Unifersa ascende a 131.219,03. Dado que a bonificación do 95% supón 124.658,08 euros, a firma soamente deberá aboar 6.560,95 euros por ese concepto.

Para o alcalde, “as medidas de rebaixa de impostos e taxas municipais favorecen que as empresas poidan dar o paso e asentarse na Laracha, o que repercute no aumento das oportunidades laborais para os nosos veciños”.

Rosalía de Castro

A unanimidade, co voto positivo dos tres grupos municipais, repetiuse na aprobación dunha moción na que se acordou realizar actividades en torno ao Día de Rosalía -23 de febreiro- para enxalzar a figura da escritora e promover a súa obra.

Salir de la versión móvil