Recolocaranse os aparcamentos dos taxis en liña, gañando un espazo que permitirá anchear a beirarrúa
Nos próximos días iníciase o procedemento de contratación da execución de proxecto dirixido a transformar a parada de taxis existente a carón da praza do Concello, na Avenida de Caión da capital municipal.
A actuación ten por finalidade mellorar a accesibilidade e adecuar ese espazo en beneficio de todos. Tanto dos peóns como dos condutores. Tamén dos profesionais do sector do taxi que prestan este servizo público no termo municipal da Laracha e dos seus usuarios. A actuación permitirá ter unha maior comodidade para entrar e saír dos vehículos.
Actualmente, a parada de taxis conta con prazas de estacionamento en diagonal entre a zona de circulación e unha beirarrúa dun metro de amplitude que dá acceso á praza do Concello.
O proxecto contempla recolocar as prazas da parada de taxis para realizar o estacionamento en liña. Así se gaña un espazo que permitirá ampliar a beirarrúa ata o dobre da anchura actual. Además, separar a zona de estacionamento do ámbito de circulación. A actuación deseñada polo Concello da Laracha será financiada integramente con fondos propios municipais.