Estiveron presentes os directores dos centros CEIPs Otero Pedrayo da Laracha, Alfredo Brañas de Paiosaco e Caión
O alcalde da Laracha, José Manuel López Varela, acompañado por concelleiros do grupo de goberno, mantivo onte unha reunión cos directores dos tres centros de educación infantil e primaria do termo municipal. Trátase dos CEIPs Otero Pedrayo da Laracha, Alfredo Brañas de Paiosaco e Caión, que iniciarán o curso escolar o vindeiro día 10 de setembro.
O motivo principal da xuntanza foi revisar todas as cuestións que afectan á coordinación entre o Concello e os colexios. Neste ano, centradas nos protocolos de actuación establecidos polas autoridades sanitarias para previr a Covid-19. Así, como se informou recentemente, o Concello da Laracha incrementará nun 25% o gasto do servizo de limpeza para adaptarse á nova normativa. Realizará, canda menos, tres desinfeccións dos aseos a diario e durante o horario lectivo. Ademáis de reforzar a limpeza nas superficies de uso frecuente, nas zonas privadas do persoal e nos postos de traballo compartidos. Tamén, se fixo na reunión un resumo das actuacións desenvolvidas polo Concello nos centros de ensino durante o verán.
De cara ao inicio dun curso escolar tan atípico como o que comezará a próxima semana, os representantes municipais puxéronse a disposición dos directores dos colexios. A intención é continuar cooperando en todos os aspectos que se estimen oportunos. Ademáis, aumentar a seguridade tanto do alumnado como do profesorado e demais empregados dos centros.