A feira de Paiosaco do 1 de novembro celebrarase só con postos de alimentación e productos do campo atendendo as restricións
A comisión municipal de seguimento reuniuse esta mañá para analizar as novas restricións establecidas pola Xunta en toda Galicia como consecuencia da evolución da pandemia. Están en vigor desde a pasada medianoite trala publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG). Afectan aos eventos e actividades organizadas polo Concello ou que se levan a cabo en espazos públicos ou infraestruturas de titularidade municipal.
Limítase a un máximo de cinco persoas o desenvolvemento de calquera actividade ou evento de carácter familiar ou social en espazos públicos ou privados, con excepción das persoas convivintes. Tamén nas actividades laborais, educativas e práctica de deporte federado sempre que se adopten as medidas previstas nos correspondentes protocolos de funcionamento.
As novas medidas permiten a celebración das actividades culturais que organiza o Concello da Laracha cumprindo as mesmas restricións que ata o de agora. Así, mañá poderase realizar o contacontos previsto ás 18:00 horas no centro sociocultural de Paiosaco. Pero con limitación de aforo e permitindo un só adulto acompañando a cada neno. Tamén poderá realizarse este domingo a andaina polo entorno do río Bradoso, para a que todas as prazas están xa cubertas. En novembro os tradicionais Venres Teatrais celebraranse cunha limitación do 50% do aforo na Casa da Cultura da Laracha.
Tamén poderá continuar a actividade na aula lúdica municipal, o servizo de axuda á conciliación da vida persoal, laboral e familiar que ofrece o Concello polas tardes. Neste caso os usuarios repartiranse en grupos dun máximo de catro nenos máis o monitor en cumprimento das medidas establecidas polas autoridades sanitarias.
Fin de semana de Todos os Santos
Para o fin de semana do 30 de outubro e 1 de novembro, Día de Todos os Santos, expuxéronse como afectan as medidas ao desenvolvemento da feira e á celebración de actos relixiosos, velorios, enterros e asistencia a cemiterios.
Así, aclarouse que a feira de Paiosaco do 1 de novembro poderá celebrarse cun máximo do 50% dos postos de venda habituais. Polo que estarán limitados a alimentación e produtos do campo. O recinto feiral estará valado perimetralmente para facilitar o control dos accesos.
Nos lugares de culto o aforo máximo é do 50% da capacidade e prohíbese expresamente empregar o exterior dos edificios ou a vía pública para a celebración de actos. Isto supón a prohibición dos responsos nos cemiterios e do emprego de altofalantes cara o exterior dos templos. Nos velorios o límite é de 10 persoas en espazos pechados e de 25 en espazos públicos. Nos enterros e cremacións non se permiten máis de 25 persoas. O Concello informará destas medidas a todos os curas párrocos do termo municipal.
Restricións no deportes, parques e colexios
Ademais, informarase aos clubs deportivos do límite permitido de 150 espectadores en instalacións ao aire libre e de 60 en espazos pechados. No complexo deportivo da piscina municipal da Laracha tamén deberá cumprise o 50% do aforo ou un máximo de 100 persoas no interior.
Os parques infantís permanecerán abertos, pero cun máximo de un usuario por cada catro metros cadrados de superficie. Carteis informativos advertirán desta medida de obrigatorio cumprimento.
Tamén se tratou na comisión a coordinación entre o Concello da Laracha, os colexios, o Instituto e a escola infantil “A Galiña Azul” no control, seguimento e apoio aos casos positivos rexistrados nas comunidades educativas.