O proxecto de reordenación está valorado en 177.000 euros a financiar con fondos municipais
Están en marcha as obras de reordenación dos espazos no entorno do IES Agra de Leborís. Na parte traseira do centro de ensino o Concello está a consolidar unha zona para a práctica deportiva de referencia na capital municipal.
Nese lugar abriuse unha nova estrada para enlazar a Avenida Manuel Fraga coa Avenida López Astray a través da rúa Maruja Mallo. Tamén, habilitouse un acceso para o transporte escolar do centro de ensino. Ademáis, foron construídas dúas pistas polideportivas descubertas e está en fase de execución o Skatepark. Agora promóvese este proxecto, que complementa os anteriores, e que ten por obxecto acondicionar e aproveitar a totalidade dos espazos restantes.
O alcalde da Laracha, José Manuel López Varela, e o tenente alcalde, José Ramón Martínez Barbeito, realizaron unha visita as obras de reordenación dos espazos no entorno do IES Agra de Leborís.
En tres fases
Inclúense tres intervencións diferenciadas. A primeira fase céntrase na ampliación da plataforma da calzada da estrada recentemente construída para aumentar a beirarrúa e habilitar máis prazas de estacionamento de vehículos.
Posteriormente, na segunda e terceira fases, completaranse os equipamentos deportivos coa creación dun parque de calistenia que contará co equipamento para poder practicar exercicios físicos. Inclúe mobiliario urbano, e será adecuada a esquina situada na parte posterior do polideportivo do instituto como unha ampla zona verde axardinada. O proxecto presenta un orzamento total de 177.000 euros e é financiado con fondos propios municipais.