O obxectivo é ofrecer unha experiencia máis completa e enriquecedora aos visitantes.
A antiga casa reitoral de Golmar alberga desde decembro de 2009 o Centro de Interpretación dos Muíños de Auga da Costa da Morte de Golmar.
Destacar que aquela iniciativa permitira recuperar unha edificación do século XIX de alta importancia histórica e poñer a parroquia no mapa cultural e turístico galego por contar cun museo centrado na posta en valor dos muíños de auga destacando a súa riqueza etnográfica e patrimonial.
Na actualidade váiselle dar un impulso á instalación e modernizala cun proxecto de remusealización que renovará os seus contidos desde unha tripla perspectiva conceptual, formal e funcional para ofrecer unha experiencia máis completa e enriquecedora aos visitantes
A intervención foi deseñada polo Concello cun orzamento de 48.000 euros, que serán cofinanciados coa achega do 80 % da Deputación da Coruña mediante a subvención nominativa aprobada polo Pleno da administración provincial celebrado o pasado mércores 24 de xullo.
Potenciar o atractivo turístico dos contidos do museo tamén significará poñer en valor o patrimonio etnográfico vinculado aos muíños de auga como elementos fundamentais da historia do termo municipal da Laracha.
Durante os últimos anos o museo, ademais de recibir visitantes, tamén albergou diversidade de iniciativas culturais e educativas tanto para o público infantil como para o xuvenil e adulto centradas no coidado do medio ambiente e na recuperación da memoria rural do municipio, tan relacionada co campo, a agricultura e, por tanto, cos muíños de auga.
Esta actividade levou ao Centro de Interpretación dos Muíños de Auga da Costa da Morte de Golmar a obter o recoñecemento como Centro Azul de Educación Ambiental que outorga a Asociación de Educación Ambiental y del Consumidor (ADEAC).