O investimento do proxecto na Laracha alcanza os 245.000 euros
As obras de execución do proxecto de urbanización da Avenida Manuel Fraga ata a rúa Maruja Mallo entraron na súa última fase. A continuación soamente restará o pintado das marcas viarias e dos aparcamentos e a sinalización horizontal e vertical para dar por concluídas as actuacións previstas.
Este proxecto forma parte do Plan especial de equipamentos educativos do Instituto. Ademais de crear a circunvalación que conecta directamente a estrada A Laracha-A Silva (DP-2404) coa estrada A Laracha-Soandres (DP-1913) pola Avenida Doutor López Astray, habilitouse un novo acceso para os autobuses de transporte escolar. Deste xeito refórzase a seguridade viaria ao evitar que eses vehículos teñan que circular por outras vías do entramado urbano. A apertura para os automóbiles en xeral realizarase nos próximos días.
Traballos realizados
Nas fases de execución anteriores leváranse a cabo as outras intervencións contempladas no proxecto. Entre elas a construción de beirarrúas, creación de espazo de aparcamento, instalacións das redes de saneamento e abastecemento e a canalización soterrada dos servizos de rede eléctrica, telecomunicacións e iluminación pública. O proxecto supón un investimento de 245.000 euros.
Neste lugar o Concello está a crear un punto de referencia para os veciños. Ademais da apertura e urbanización da nova vía, construirase unha segunda pista polideportiva descuberta e un parque de patinaxe.