A Xunta de Goberno local acordou presentar á Xunta de Galicia un proxecto similar a dos últimos anos
Na última sesión ordinaria da Xunta de Goberno Local acordouse presentar á Xunta de Galicia un novo proxecto de programa integrado de emprego. A iniciativa enmárcase na convocatoria de subvencións da Consellería de Emprego e Igualdade.
Despois das boas experiencias dos últimos anos o Concello da Laracha pretende poñer en marcha un novo programa que tería un orzamento de 250.000 euros e unha duración de doce meses. Durante ese período, cen persoas en situación de desemprego serán informadas, orientadas e asesoradas en materia de busca de emprego. A continuación, recibirán formación transversal en diversas materias e específica en tres especialidades. Elas son: atención sociosanitaria a persoas en institucións sociais, socorrismo en espazos naturais e actividades auxiliares en comercio. Por último, inclúe prácticas profesionais non laborais en empresas.
Este programa, que contaría con dous orientadores laborais e un auxiliar administrativo, foi deseñado para aproveitar as oportunidades laborais que ofrece o termo municipal. Tamén, polo seu entorno en sectores con crecente demanda de perfil profesionais. Así, as accións formativas serán orientadas cara eses ámbitos, acompañando aos participantes nos seus itinerarios individualizados para aumentar as súas capacidades. O obxectivo final é acadar unha inserción laboral dun mínimo do trinta e seis por cento.
Fondo de compensación ambiental
Por outra parte, a Xunta de Goberno solicitó a participación do Concello da Laracha na convocatoria de subvencións da Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo. A intención é adquirir vehículos alternativos con destino aos corpos da Policía Local, financiadas polo Fondo de Compensación Ambiental. Con esta achega preténdese mellorar o parque móbil que está a disposición dos efectivos do corpo de seguridade municipal.