Ademais de dar continuidade ao programa «Educa en positivo», preténdese incluir no proxecto «A Laracha acolle» dirixido a inmigrantes
Na última sesión da Xunta de Goberno Local acordouse solicitar a participación na convocatoria de subvencións da Consellería de Política Social da Xunta de Galicia dirixida ás corporacións para o desenvolvemento dun proxecto de inclusión social de colectivos en risco.
A través desta liña de axudas o Concello pretende financiar dous proxectos:
- 1 – Dar continuidade ao programa «Educa en positivo», que xa se vén realizando nos últimos anos. Procura responder ás necesidades educativas daquelas familias con menores ao seu cargo e que se atopan en situación de vulnerabilidade ou risco de exclusión social. Faise a través das accións Un paso adiante, que ofrece un reforzo educativo fóra do horario lectivo. Tamén con Aprendemos xuntos, neste caso centrada na orientación e formación ás familias con menores para o exercicio dunha parentalidade positiva.
- 2- Outro proxecto complementario que o Concello pretende organizar por primeira vez denomínase «A Laracha acolle» e iría dirixido exclusivamente a persoas inmigrantes. Ademáis, contaría con un obradoiro de alfabetización en castelán e galego. Pero tamén co programa Exprésate, que persegue crear un espazo de socialización para que os participantes poidan coñecer os valores, funcionamento, patrimonio e cultura larachesa.