O Concello presenta a programación municipal que se desenvolverá en torno ao Día das Letras Galegas.
O Concello presenta a programación municipal que se desenvolverá en torno ao Día das Letras Galegas, que este ano vai dedicado ao escritor e editor Francisco Fernández del Riego.
O acto central será o concerto que Luar na Lubre ofrecerá o martes 16 na praza Les Sables d’Olonne da Laracha, no que un dos grupos galegos máis importantes do momento presentará o seu último traballo, Vieiras e Vieiros. Historias de peregrinos, que pon banda sonora ao Camiño de Santiago con temas que intercalan creacións novas e sonoridades propias dos sendeiros e lugares que percorre o itinerario xacobeo.
O programa das Letras Galegas tamén inclúe outras moitas actividades e eventos dirixidos a todos os públicos. Para os máis pequenos proponse un festival de teatro infantil, con funcións ás 18:00 horas na Casa da Cultura da Laracha (As palabras perdidas, de Inventi Teatro, o martes 16), centro sociocultural de Paiosaco (A festa da iguana, de Teatro Calavera, o xoves 18) e centro sociocomunitario de Caión (Unha nova Galaxia. Francisco Fernández del Riego, de Trémola Teatro, o venres 19).
Outra novidade desta programación municipal será o espectáculo de baile latino En clave tropical que ofrecerá a Escola de Baile Tropicalia o sábado 20 a partir das 19:00 h na Laracha. Ao remate da actuación, realizarase un obradoiro de bailes latinos no que poderá participar o público presente.
Non faltarán a música e o baile tradicionais galegos co protagonismo das asociacións culturais Santa María de Torás, Queiroga de Paiosaco e Arume de Caión, que ofrecerán unha actuación o domingo 21 a partir das 18:00 horas na praza Les Sables d’Olonne.
Festa-Homenaxe para persoas maiores
O sábado 13 o pavillón do IES Agra de Leborís acollerá unha nova edición da Festa Homenaxe para persoas maiores de 55 anos, xubiladas ou pensionistas. Consistirá nunha misa (inicio ás 13:30 horas), xantar e baile con música en directo. As entradas para poder asistir estarán á venda ao prezo de 10 euros no edificio administrativo da Laracha desde este martes e ata o 9 de maio.
E tamén terán protagonismo os participantes nalgúns dos cursos do programa municipal cultural que se veu desenvolvendo nos últimos meses.
A clausura do curso de teatro farase con dúas funcións ás que se convida a asistir a toda a cidadanía. O mércores 17 o grupo de adultos porá en escena a obra Suspéndese a función, dirixida a todos os públicos. O sábado 20 o grupo infantil presentará A bela non durminte. En ambos casos será na Casa da Cultura a partir das 18:00 horas, con acceso gratuíto.
Ademais faranse as tradicionais exposicións dos traballos dos alumnos participantes nos cursos de manualidades, macramé, labores de tecido, encaixe de palillos e restauración e tapicería. A da Laracha será no baixo da biblioteca do mércores 17 ao domingo 21 en horario de 17:00 a 21:00 h. As de Paiosaco (centro sociocultural) e Caión (oficina de turismo) estarán abertas do venres 26 ao domingo 28 de 17:00 a 20:00 h.