De luns a venres pola mañá non se permite o estacionamento na zona azul gratuíta por un período superior aos 90 minutos
O Concello da Laracha está a executar unha actuación na capital municipal dirixida a remarcar as prazas de estacionamento. Trátase das situadas nos espazos nos que está establecida a zona azul gratuíta. Isto é, no tramo urbano da Avenida Fisterra e nun sector da rúa Santa Lucía.
Para cumprir a normativa, nos vehículos que estean aparcados nestas prazas, deberase indicar por calquera medio (reloxos de cartón, papeis, etc.) a hora de chegada nun lugar visible. Non poden permanecer estacionados por un período superior aos noventa minutos.
Días e horarios
A medida está vixente de luns a venres pola mañá, en horario de 9:00 a 15:30 horas. Durante as tardes, nas fins de semana e tamén nos festivos pódese estacionar sen ningún tipo de restrición horaria. A ordenanza municipal establece exencións a ambulancias e vehículos de emerxencias. Tamén para automóbiles particulares que dispoñan da tarxeta de mobilidade reducida, vehículos do persoal do centro médico e punto de atención continuada.
A finalidade da zona azul gratuíta é facilitar a rotación dos vehículos nas áreas máis céntricas da capital do Concello. Alí se concentran os edificios administrativos municipais como entidades bancarias, supermercados e diversidade de establecementos comerciais e hostaleiros.